O Entroido 2026 de Porto do Son converteu a carpa instalada na fachada náutica nun auténtico epicentro de música, disfraces e retranca. Ata oito comparsas desfilaron e actuaron nunha cita marcada pola ledicia que caracteriza estas datas, co mar como pano de fondo.

Entre o público atopábase o alcalde, Luis Oujo, que fixo un oco nunha intensa xornada institucional para asistir á celebración. Segundo comentou, a súa axenda levouno durante o día “de Santiago a Nebra”, combinando compromisos na capital cun mitin e visitas na parroquia para avanzar en proxectos como un futuro parque infantil. “Ao Entroido do Son ata veñen as dúas Marías dende Compostela”, bromeou, en referencia ás coñecidas figuras compostelás que tamén estiveron representadas nunha das comparsas.
Un dos momentos máis celebrados chegou coa actuación da comparsa sonense “Budbuny”, que sorprendeu ao público ao baixar do escenario e entrar na carpa, facendo bailar aos asistentes ao ritmo da canción que levou o grupo ao Super Ball. “Non a avisei nos ensaios, non a avisei… e no directo a magreei”, comentou con humor a intérprete, xerando as risas e aplausos do público.
A comparsa “Covakey”, que xa viña de triunfar no Entroido de Queiruga, repetiu posta en escena e volveu conquistar aos presentes. Pola súa banda, “Aquelarre” apostou pola mesma canción e murga coa que actuara en Ribeira, mentres que “Os de Sempre” luciron os seus traxes venecianos, pechando así un percorrido que tamén os levou por citas en Ribeira e Noia.
O broche artístico correu a cargo do club de xubilados de Porto do Son, que sorprendeu cunha danza flamenca xitana moi aplaudida. Como despedida, o presentador puxo a nota de humor final ao dicirlle aos máis pequenos que ao día seguinte era festivo, provocando unha mestura de ilusión e gargalladas entre o público infantil.
Unha noite de Entroido que confirmou, un ano máis, a capacidade de Porto do Son para converter a súa fachada marítima nun escenario de convivencia, sátira e festa colectiva. (Luís Pérez Crujeiras)




