“Non se apunta ninguén”. Luís Celeiro

14 Febreiro 2026

Todos ou ninguén. Non se sabe quen perdeu as eleccións e tampouco se sabe como será o asunto
despois dos pactos, dos acordos, de cumprir e de renunciar. Todo está no aire, aclarando que
aqueles, aos que lles gusta non asentar os pés na terra, están de noraboa, triunfando e falando para
non calar e non dicir nada. Cando o resultado é adverso non ten paternidade, é fillo da casualidade,
das circunstancias pouco proclives, das astucias malévolas dos outros, de tódolos outros, aínda que
principalmente dos máis próximos.
Sería bonito poder falar de política con sensatez, con respecto aos principios, con honestidade e con
claridade. Sería bonito e útil para a cidadanía, pero non é posible. As persoas que andan na política
queren que a poboación vote e que vote ben. Se hai que facer bobadas, fanse as que sexan
necesarias. Danlle bicos a un furón ou lámbenlle o rabo a calquera mascota, da raza ou da cor que
sexa.
Abrázanse a un manequín, a un espantallo ou a un toxo. Aloumiñan á burra do circo e ás xestas
cheas de carrachas, nas ourelas do carreiro que vai á serra. Fano ao ver unha cámara aínda que non
pode emitir e non emita. Ás veces, amigos, os políticos, homes e mulleres, novos e vellos, dan pena.
Arrástranse detrás de si mesmos e a cidadanía permítellelo a duras penas, como aquela canción do
mexicano Vicente Fernández, “A duras penas / me contengo de llorar / a duras penas / porque sé
que un día te irás”.
Os que andan na política teñen un grande mérito. Suben e baixan, van e volven cun teléfono na man
e outro na orella. Non saben onde están, non saben a quen saúdan e pouco saben do programa que
están a presentar. Un programa para cada día e para cada lugar. Das iniciativas que deben anunciar,
propias ou copiadas, moitas delas xa as anunciaron en campañas anteriores. Que máis dá!
Aqueles que teñen máis votos e máis escanos ganaron, pero non cumpriron os obxectivos. Os que,
con relación ás eleccións anteriores, perderon votos e escanos tamén ganaron, ao non baixar tanto
como os adversarios pretendían; os que non sacaron representación foi debido ás anormalidades do
sistema e os que, subindo en escanos e representación están lonxe dos primeiros, “obviamente,
somos os gañadores das eleccións, os únicos que subimos”. A perdedor non se apunta ninguén.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

Asistimos en el tablero de Oriente Próximo a una representación dramática de la discordia entre la moral y la política. El conflicto que involucra a Irán y sus vecinos pone de manifiesto cómo el moralista político -aquel que forja una moral ad hoc para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.