“Mexillón, ameixa e berberecho esmorecen nas rías galegas pola enorme aportación de auga doce”. Antón Luaces

27 Febreiro 2026

Primeiro foi o berberecho e a ameixa da praia do Testal, en Noia. E agora son as toneladas de mexillón que morre nas cordas de cría e engorde das bateas que, coma pantasmas, agardan na ría de Arousa o milagre que non chega: as chuvias e o exceso de auga doce mata, como se temía, o sector bivalvo das rías, especialmente a de Arousa.                 

A choiva das últimas semanas provoca un moi serio problema nos mexillóns de batea da ría arousana, un dos principais motores económicos para milleiros de persoas que, durante todo o ano sementan, encordan e limpan milleiros de toneladas deste bivalvo que, amáis se consumir en Galicia, se exporta a todo o mundo en fresco e conserva.

Pero este ano, e moi probablemente en 2027, a produción mexilloeira está perdida na súa práctica totalidade por mor da enorme capa de auga doce que, nunha altura estimada polos propios bateeiros de 3 ou 4 metros, acaba coa vida do mexillón encordado nas bateas. Nestas quedan centos de toneladas de mexillón, en teoría de pouca aceptación na gastronomía, pendurados nos oito ou dez metros de cada corda das bateas que permanecen nas augas salgadas da ría non desprazadas pola choiva directamente caída nos emprazamentos bateeiros ou aportadas polos ríos e regachos que verten a ela. 

Son, sen dúbida, as primeiras consecuencias do cambio climático que hai quen non quer recoñecer e que van máis aló de que suba ou baixe o nivel do mar, se fundan os glaciares ou o mercurio do termómetro oscile uns graos. 

É visto que as emisións de CO2 e o quecemento global afectan tanto á flora como á fauna. A auga dos océanos é cada vez máis aceda e os moluscos non son quen de xuntar calcio dabondo para formar as súas cunchas. A mortaldade de berberechos e ameixas -en menor medida a xapónica- é máis que notoria. E agora chegóulle o momento ao mexillón, un bivalvo de interese estratéxico para a comunidade autónoma galega.

O mexillón está a librar unha batalla para sobrevivir nun oceano acedo, din os científicos. E milleiros de bateeiros din o mesmo desde unha formulación puramente económica, mais tamén de supervivencia para o seu oficio e o ser ou non ser de milleiros/millóns de persoas que o saborean.

O aporte extraordinario de auga doce reduce a salinidade do mar, feito que inflúe negativamente no molusco, ao que xera un forte estrés e acaba con milleiros de exemplares en cuestión de poucos días.

Toca xa que logo revisar batea por batea para comprobar cantos mexillóns morreron realmente. Pero sí existe o convencemento de que hai un alto índice de mortaldade e mesmo danos na cría. 

Os mexilloeiros, como en xeral todos os mariscadores, non pasan polos mellores momentos. Paliar esta situación non vai ser cousa exclusiva deles. Xunta e Goberno terán que dicir.

Outros artigos

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

+

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

+

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.