Máis de 2.000 persoas ateigan a carpa do Entroido de Ribeira co concerto de King África

17 Febreiro 2026

Máis de 2.000 persoas encheron na madrugada de onte a carpa do Entroido instalada no Malecón para asistir ao espectáculo de King África, que deu comezo ás 00.00 horas e se prolongou ata a 1.20 da mañá, nunha actuación chea de ritmo e participación do público.

Foto LISARDO VILAR

A festa arrancara xa ás 23.30 horas coa actuación dos cantantes da Orquesta Panorama, que quentaron o ambiente antes da saída ao escenario do considerado “rei do carnaval” —con permiso de Georgie Dann—. Tras o concerto, varios DJs continuaron a animar a velada ata as 5.00 da mañá, tal e como estaba previsto na programación.

Foi unha noite multitudinaria, sen que se rexistrasen altercados, e que destacou polo seu bo ambiente. A animación estendeuse tamén ás zonas de hostalaría, onde a charanga Os Celtas da Baña percorreu as rúas levando a música ata arredor das 3.00 da madrugada.

A véspera do festivo local en Ribeira recuperou así todo o seu esplendor, pese á chuvia, grazas ás actividades programadas na carpa de 700 metros cadrados instalada no Malecón para acoller os principais actos do Entroido.

As Concellerías de Cultura e Festexos, organizadoras da programación, animan á cidadanía a continuar participando nas celebracións previstas para hoxe e mañá: esta xornada coas murgas e comparsas, e mañá co tradicional Enterro do Felipe, que incluirá degustación gratuíta de orellas, rosquiñas e preñados, tamén na carpa.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.