Lingua e Xuventude (Xunta) lanzan unha nova edición do seu concurso de mensaxes de amor en galego

13 Febreiro 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron o pasado 13 de febreiro unha nova edición de Lingua de namorar, o certame en liña da Xunta de Galicia que promove desde hai 15 anos o uso da lingua galega nas novas tecnoloxías e redes sociais por parte da mocidade convidándoa a crear mensaxes de amor na nosa lingua.

Tal e como indicaron, trátase dun certame “consolidado entre a xuventude galega” que “tira proveito da conexión que ten a xente moza coas novas aplicacións ao tempo que demostra o potencial do galego non só como ferramenta útil de comunicación a través delas, senón como linguaxe creativa”. Estas iniciativas, segundo aseguraron, están a propiciar “ampliar o uso e prestixio da nosa lingua entre a rapazada”.

Na presentación, explicaron que, seguindo as anteriores convocatorias, esta edición conta con tres categorías: dúas para a web e unha exclusiva para a rede social Instagram. Neste senso, convidaron a mocidade a participar facendo chegar, ata o 16 de marzo, “as súas mensaxes indistintamente, en prosa ou en verso, pero sempre en galego”.

Para participar a través da páxina web as persoas participantes terán que presentar un formulario de inscrición no portal propio do certame (en xuventude.xunta.gal). A primeira modalidade é para a mocidade de 14 a 19 anos, mentres que a segunda abrangue o tramo de idade dos 20 ata os 35. As mensaxes que participen nestas dúas primeiras non deberán superar os 350 caracteres e serán publicadas na páxina do concurso.

En canto á modalidade exclusiva para Instagram, está aberta a toda a mocidade desde os 14 aos 35 anos, que poderá participar directamente na imaxe habilitada para o concurso no perfil @xuventudegalicia. (instagram.com/xuventudegalicia). Neste texto indicarase, en primeiro lugar, un cancelo que recolla o título e, deseguida, a mensaxe de amor. Ao final da dita publicación engadirase tamén o cancelo #LinguaDeNamorar. Ademais diso, as persoas participantes deberán etiquetar dúas amizades da rede social e seguir as contas @linguagalega (instagram.com/linguagalega) e @xuventudegalicia (instagram.com/xuventudegalicia) sen exceder os 200 caracteres nas mensaxes.

As dúas primeiras categorías contarán con dúas fases de selección. Na primeira delas, do 17 ao 22 de marzo, as persoas que o desexen poderán votar polas súas mensaxes favoritas na páxina do concurso, previo rexistro nesta. Despois, o xurado elixirá as propostas gañadoras entre as 50 máis votadas de cada sección.

No caso dos textos presentados en Instagram, o xurado fará unha preselección de seis mensaxes de entre todas as presentadas e, posteriormente, do 8 ao 12 de abril, o público poderá votar pola súa favorita. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade o maior por parte do público.

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 14 de abril tanto nas páxinas web de Xuventude (xuventude.xunga.gal) e no Portal da Lingua Galega (lingua.gal) como nos perfís de Instagram @xuventudegaliciav e @linguagalega. A persoa autora da mensaxe gañadora a través da rede social poñerase en contacto coa organización antes do 20 de abril para reclamar o premio e facilitar os datos de contacto.

No que respecta aos premios, establécense tres por cada unha das modalidades web. Os primeiros recibirán unha tableta, os segundos un libro electrónico e os terceiros uns cascos sen fíos. Pola súa parte, a de Instagram terá unha única persoa gañadora que recibirá unha tableta. A data da cerimonia de entrega dos premios publicarase no espazo web específico deste concurso, onde tamén se poderán consultar as bases completas para participar.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira esixe máis seguridade tras o grave suceso no porto

O PSOE de Ribeira esixiu ao Concello a adopción de medidas “urxentes e contundentes” en materia de seguridade tras o grave suceso rexistrado no porto de Ribeira, onde apareceu un cadáver esposado a unha escaleira, nun caso que os socialistas cualifican de “moi...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.