Gadis reabre en Noia o punto de venda da rúa República Arxentina nº 3 despois da completa remodelación que levou a cabo nos últimos meses. O novo establecemento é en palabras da cadea alimentaria galega “moito máis cómodo e moderno”. Tamén gañou espazo e suma preto de 1.500 m2 de superficie total. O propósito desta actuación foi “mellorar o servizo aos veciños de Noia e das poboacións limítrofes, que se desprazan ata a localidade para facer a compra”, explicou a empresa, engadindo que “a remodelación executouse seguindo estándares de eficiencia enerxética e accesibilidade, con espazos deseñados para brindar a mellor experiencia de compra ao cliente”.

Máis de 10.000 artigos, con especial atención aos produtos frescos, locais, de marcas líderes a prezos competitivos, da marca propia IFA e numerosas referencias veganas, ecolóxicas, sen glute e a granel póñense ao dispor do cliente no supermercado, facilitando que poida elixir entre a súa ampla variedade.

Gadis engade que “as seccións de produto fresco priorizáronse nesta reforma, en liña coa filosofía empresarial da cadea de supermercados, que tamén promove a venda directa en mostrador tradicional, para ofrecer un mellor servizo e fomentar a creación de emprego estable e de calidade en peixaría, carnizaría, chacinaría, froitaría e panadería”.

Un total de 36 profesionais, dos que 4 son de nova incorporación, acompañan aos clientes nun amplo horario ininterrompido: de 9 a 21.00 horas, de luns a sábado; e os domingos, día de feira, de 9.30 a 14.30 horas.

Ademais, www.gadisline.es complementa os servizos deste establecemento e do outro que Gadis ten en Noia, situado na rúa Carcasía 2-4.
“A remodelación do punto de venda seguiu criterios de sustentabilidade ambiental e máxima eficiencia enerxética, incidindo no aproveitamento de luz natural, ademais de contar coa instalación de eficaces sistemas de refrixeración e climatización”, sinalaron dende o grupo galego, apuntando que “o moderno mobiliario, o deseño das seccións e a amplitude de corredores favorecen unha maior comodidade e accesibilidade”.



