A Consellería de Sanidade inicia este luns, 23 de febreiro, a toma de mostras dunha nova fase do proxecto Xenoma Galicia na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e na que se convidou a participar de forma aleatoria a máis de 5.000 persoas.
Tamén este luns enviarase unha mensaxe SMS de recordatorio para que as persoas convidadas marquen a súa cita de extracción no seu hospital de referencia. A través da app SERGAS Móbil están habilitados 703 ocos para citas no Hospital Clínico de Santiago e 125 para o Hospital de Barbanza.

As citas están dispoñíbles de luns a xoves en horario de tarde. O persoal sanitario informará os participantes e levará a cabo unha extracción da mostra de sangue, sen necesidade de acudir en xaxún.
O obxectivo é recoller 828 mostras de ADN de persoas da área sanitaria compostelá e nos próximos meses, de forma progresiva, ampliarase a invitación ao resto de áreas, ata chegar a 5.000 participantes de toda Galicia.
Detección precoz e medicina personalizada
Coas mostras recollidas no marco do proxecto Xenoma búscase identificar variantes de xenes relacionados con cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar, ademais de nutrir o biobanco do proxecto.
Neste momento, a primeira e a segunda fase piloto do proxecto permitiron detectar 24 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco. En consulta, dependendo da variante detectada, infórmase das opcións de seguimento personalizado, de se deben facerlle probas a algún familiar e de hábitos de vida saudábel que se poden seguir para diminuír o risco en caso de que, finalmente, apareza a patoloxía.
Este proxecto de investigación de medicina personalizada conta cun investimento do Goberno galego de 20 millóns de euros. Márcase como obxectivo recompilar o ADN de 400.000 persoas.
A Consellería de Sanidade sinala que “Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo” que “permitirá predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados”.
O proxecto Xenoma Galicia, coordinado pola Consellería de Sanidade e baixo a dirección dos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo, contribuirá ao deseño de novos programas de prevención e detección temperá e personalizada. Ademais, establecerá as bases dun cribado xenético sustentable e equitativo.



