CONGALSA, empresa da Pobra referente no sector da alimentación, reuniu un ano máis a todo o seu persoal para compartir os resultados obtidos durante o exercicio 2025 e avanzar os proxectos que marcarán a folla de ruta da compañía nos próximos meses. Durante o encontro, a dirección destacou que a facturación alcanzou os 179 millóns de euros no último exercicio.
Segundo fixo saber a dirección da empresa, “este avance confirma a solidez do modelo de crecemento de CONGALSA e a súa capacidade para adaptarse a unha contorna cada vez máis esixente, reforzando o seu compromiso coa innovación, a sustentabilidade e os valores que definen á empresa como compañía familiar”.

Amais, no acto púxose de manifesto que CONGALSA “ten a intención de poñer en marcha as súas novas instalacións no Polígono da Tomada en 2026, unha actuación na que se van a investir 26 millóns de euros”.
Máis emprego e maior impacto no territorio
No ámbito do emprego, a empresa pechou o exercicio 2025 cun persoal de 900 persoas, tras incorporar a 68 novos traballadores no último ano. Un dato que reflicte non só a evolución positiva do negocio, senón tamén “a firme aposta de CONGALSA pola creación de emprego con estabilidade e de calidade na comarca”, sinalouse.
O evento, celebrado no Complexo Deportivo da Fieiteira (Ribeira) por terceiro ano consecutivo, serviu tamén para poñer en valor a estratexia de sustentabilidade pola que vén apostando CONGALSA desde hai tempo, entendida desde unha tripla perspectiva: económica, social e ambiental. Neste contexto enmárcase a construción dunha nova depuradora, recentemente anunciada pola compañía.
Ademais, CONGALSA encara o presente exercicio co obxectivo de seguir medrando de forma responsábel, “apostando polas persoas e a contorna, e consolidando un proxecto empresarial internacional orientado ao longo prazo”.
Premio Ramón Doval 2026
Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a entrega do Premio Ramón Doval, un recoñecemento anual ao traballador ou traballadora que mellor representa os valores de CONGALSA: compromiso, respecto polas persoas, orientación ao cliente, eficiencia, ética empresarial, traballo en equipo, mellora continua, innovación, sustentabilidade e actitude positiva (optimismo).
Nesta edición, o galardón, elixido mediante votación interna entre todo o persoal, foi para Carlos Gude Parada, traballador da quenda de noite da área de Produción da parcela 13 da compañía. Un premio que, tras 13 edicións, continúa rendendo homenaxe á figura de Ramón Doval, histórico director de Relacións Externas da compañía, xubilado en 2018, cuxa memoria segue moi presente na organización.




