
A Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA) e a Secretaría Xeral da Lingua presentaron este xoves 5 de febreiro a V edición do Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer. Trátase dunha iniciativa que busca sensibilizar sobre a dita doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións. Na cita participou o secretario xeral de Lingua, Valentín García, quen salientou a consolidación deste certame e animou a todos os creadores e creadoras a participar neste proxecto. Neste senso, puxo en valor “o papel e a forza da literatura para acadar, a través do afecto, unha conexión interxeracional e tamén coa nosa lingua”.
A respecto deste premio, Valentín García gabou que “consegue achegar a rapazada cos problemas e doenzas que, por idade, lle resultan moitas veces alleas”. Ademais, destacou que a través desta proximidade entre maiores e máis novos “tamén se propicia estreitar vencellos da mocidade coa nosa lingua, sobre todo con expresións atesouradas polos avós, que se ven recollidas, reflectidas e recuperadas nestas creacións”.
Na rolda de prensa, que tivo lugar no compostelán pazo de San Roque, tamén participaron a presidenta de Agadea, Isabel Gey, e os escritores Francisco Castro e Ánxela Gracián, padriño e secretaria do Premio, respectivamente.
O Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer parte da inspiración dunha obra pioneira neste campo en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, e busca sensibilizar sobre as devanditas enfermidades, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego.
As persoas interesadas en participar deben ser maiores de 18 anos e poderán enviar os seus textos inéditos desde hoxe ata o 1 de xullo. A temática das obras, que poderán ser novela, poesía, álbum ilustrado ou novela gráfica, terá que estar relacionada co alzhéimer, a memoria e os recordos, a sensibilización das demencias, as persoas anciás, as actividades interxeracionais, as persoas coidadoras ou demais temáticas arredor destas doenzas.
A persoa galardoada, que recibirá 3.000 euros e terá a posibilidade de ver publicada a súa obra, será anunciada en setembro co gallo do Día Mundial do Alzhéimer e unirase, deste xeito, a Raquel Castro, Ignacio Vidal, Irene Alonso, Ángela María Curro e Rita Doallo, distinguidos nas catro primeiras edicións deste premio. As bases completas da convocatoria e o proceso de participación poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.



