A Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos da Coruña vén de facer público un informe elaborado pola súa xunta directiva a partir das achegas directas das asociacións de familias, no que se alerta dun deterioro “progresivo e alarmante” do ensino público na provincia.

O documento, que se pode consultar e descargar ao completo en liña, recolle unha situación crítica en arredor de 70 centros educativos públicos, que escolarizan aproximadamente 22.000 alumnos e alumnas, aínda que desde a Federación advirten de que o problema “afecta a moitos máis centros na provincia”.
O informe identifica eivas estruturais en profesorado e persoal de apoio, infraestruturas, accesibilidade, recursos sociosanitarios, “así como deficiencias en limpeza e mantemento, que están a afectar á calidade educativa, á inclusión e á seguridade”.
O estudo pon o foco nunha “sobrecarga xeneralizada do profesorado”, con ratios elevadas e grupos cada vez máis complexos. Entre os datos recollidos destacan os seguintes: o 78% dos centros ten ratios elevadas sen reforzos suficientes, o 65% denuncia falta de profesorado especialista (PT, AL, orientación, EF, idiomas, música, tecnoloxía…), o 72% dos CPI e centros rurais sofre itinerancia constante e falta de estabilidade nos equipos, o 40% dos IES non pode garantir a libre elección de optativas por insuficiencia de profesorado, e o 55% afirma que a atención á diversidade depende de apoios parciais e discontínuos.
A consecuencia, segundo a Federación, é “unha perda real de equidade educativa, unha sobrecarga extrema do profesorado e unha atención insuficiente ao alumnado con maiores necesidades”.
A falta de persoal de apoio aparece como unha das necesidades máis reiteradas polas ANPAS, que se manifesta en datos coma os seguintes: o 74% dos centros ordinarios ten alumnado con NEE sen persoal coidador suficiente, o 52% denuncia exclusión en transporte escolar e madrugadores, o 68% reclama enfermeira escolar e o 61% un/unha psicólogo/a educativo/a, o 57% sinala insuficiencia de persoal de limpeza e mantemento, e o 46% dos centros rurais non pode garantir a seguridade do alumnado con dependencia nos recreos e entradas/saídas.
Segundo recolle o informe, esta situación “obriga ao profesorado a asumir funcións asistenciais, reduce a autonomía do alumnado e vulnera o principio de inclusión educativa”.
Polo que se refire ao estado dos edificios educativos “é outro dos puntos máis preocupantes”, sinalan as ANPAs, denunciando o seguinte: o 70% presenta pingueiras, humidades ou filtracións; o 63% ten instalacións eléctricas obsoletas ou insuficientes; o 55% denuncia baños deteriorados, fugas e problemas de fontanería; o 48% carece de accesibilidade plena (ascensores, ramplas, portas adaptadas); o 60% ten patios ou pistas deportivas en mal estado; e o 42% afirma que as incidencias estruturais se prolongan máis dun ano sen solución.
A Federación sinala que a antigüidade dos edificios, a falta de mantemento preventivo e a resposta desigual dos concellos están a agravar o deterioro e a comprometer a seguridade.
CONVOCATORIA MANIFESTACIÓN FEDERACIÓN PROVINCIAL DE ANPAS DA CORUÑA
Data: sábado, 28 de febreiro
Hora: 11:00
Inicio: Praza de Ourense
Remate: O Parrote
Percorrido: Praza de Ourense – O Parrote



