A Deputación da Coruña estréase este luns 16 de febreiro en HIP (Hospitality Innovation Planet)–Horeca Professional Expo, no recinto feiral madrileño do IFEMA, cunha programación centrada na cociña en directo, as presentacións de produto e os obradoiros de harmonías dirixidos ao público profesional.

Santiago de Compostela e a súa comarca terán un protagonismo destacado nesta primeira xornada, que contará tamén coa participación de produtores e profesionais de Bergondo, Coristanco, Ferrol, Ribeira, Arzúa e da cidade da Coruña, ofrecendo unha mostra diversa do talento gastronómico e agroalimentario da provincia.
Por Ribeira acudirá A Conserveira, con sede en Fafián (Santa Uxía), especializada en conservas de alta calidade de mexillóns, polbo, xoubas, ovas de pescada, ventresca de bonito, navallas, mexillóns ou zamburiñas. Leva dende 1994 elaborando conservas de peixe e marisco procedentes das rías galegas, combinando a artesanía e a tradición no noso proceso de produción, respectando as épocas de captura e a contorna natural.

O vicepresidente da Deputación e responsábel de Promoción Económica, Xosé Regueira, destaca a importancia de reforzar a presenza da cadea agroalimentaria coruñesa nos foros profesionais do sector como é o caso de HIP, onde por vez primeira estará presente a marca A paisaxe que sabe.
O posto provincial abre ás 11:00 horas cun almorzo protagonizado polas galletas de Martietas de Fío, de Bergondo. Ás 12:00 horas celebrarase a presentación e degustación das Empanadas Ternura, da Coruña, e ás 13:00 horas será a quenda do xudión con nécora de Laxe elaborado por La Despensa D’Lujo, de Coristanco, nunha proposta que combina tradición e innovación gastronómica.

Ás 14:00 horas comezará o primeiro showcooking da xornada, a cargo de Beatriz Sotelo, do restaurante ferrolán Illas Gabeiras, que elaborará mexillón de Lorbé con escabeche suave e fabas con ameixas e alga codium. A chef repetirá a demostración ás 16:00 horas, reforzando a aposta por unha cociña de raíz atlántica adaptada ao público profesional que se dá cita no foro madrileño.
Entre ambas as sesións, ás 15:00 horas, desenvolverase un obradoiro de harmonías conducido polo sumiller e formador Alejandro Paadín, centrado nos viños da IXP Betanzos.

A programación do luns completarase ás 17:00 horas cunha presentación e degustación de ventresca de bonito do norte da Conserveira (Ribeira), maridada coa manteiga da empresa arzuá Galmesán e Vermut Lodeiros (Santiago de Compostela). Pechará ás 18:00 cunha degustación de lacón asado de porco celta de Cien por Cel, tamén de Santiago.
Con esta primeira xornada, a Deputación da Coruña activa en HIP unha programación que reúne restauración e produción agroalimentaria baixo o paraugas de A paisaxe que sabe, co obxectivo de reforzar a visibilidade da cadea de valor provincial nun espazo estratéxico para a innovación, o negocio e a proxección internacional do sector HORECA —hoteis, restaurantes e cafetarías—. Prevese que, durante tres días, pasen polo IFEMA máis de 60 000 profesionais e estean presentes máis de 1 000 marcas expositoras.




