A Consellería do Mar asina dous convenios coa DOP Mexillón de Galicia

18 Febreiro 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou dous convenios coa Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia e resaltou que este distintivo é “o que mellor define a calidade deste produto acuícola das nosas rías e, ao mesmo tempo, é o único de España que conta con dito recoñecemento”.

Os acordos suman un importe total de 540.000 euros, dos que a Administración autonómica achega 340.000, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e os 200.000 restantes corren a cargo do Consello Regulador.

Estes investimentos permitirán seguir reforzando en 2026 a competitividade e a internacionalización do produto e, segundo destacou Villaverde, “están dirixidos a sufragar medidas como a monitoraxe do rendemento deste bivalvo, unha acción que resulta determinante para a estimación do seu valor nutritivo, comercial e ecolóxico”.

Asemade, levaranse a cabo outras actividades promocionais destinadas a divulgar esta denominación de orixe, contando para isto con influentes de contidos dixitais que fusionan entretemento, proxección, creatividade e contidos cun gran potencial de interacción para a marca Mexillón de Galicia; así como a elaboración dunha historia gráfica, a través da revista trimestral Mexillón de Galicia na que se amosarán, en ton de humor, as características que fan único este produto. Estas actuacións complementaranse coa celebración dunha xornada de exaltación que contará coa participación de representantes do sector, e na que se abordará a relevancia e repercusión deste distintivo, así como a versatilidade culinaria do bivalvo estrela das rías galegas.

Con estes novos acordos, o Goberno galego dá continuidade á alianza iniciada no 2021 co Consello Regulador desta DOP, e que se materializa en distintas achegas por parte da Consellería do Mar que superan os 1,2 millóns de euros.

A comunidade conta con máis de 2.000 viveiros para a produción baixo este distintivo, que representan o 61 % das bateas instaladas. A estes engádense 43 empresas para a comercialización de mexillón certificado: 14 en fresco e 29 transformado. No 2024 -o último exercicio económico pechado- esta denominación de orixe incrementou a súa produción un 56 %, alcanzando as 18.700 toneladass

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.