O auditorio da Casa da Cultura de Portosín acolleu este venres 13 de febreiro a xornada final de resultados do proxecto GELFISH, centrado na valorización e aproveitamento integral do peixe azul. O proxecto, desenvolvido durante un ano e medio, foi quen de demostrar o importante potencial dos descartes de peixes como a sardiña, o xurelo, a xarda ou o bocareu, entre outras especies, para dar forma a produtos de cosmética e saúde de gran calidade.

A iniciativa GELFISH é un proxecto do Instituto de Investigaciones Marinas – Consejo Superior de Investigaciones Científicas (IIM-CSIC) coa colaboración da Universidade de Santiago e de entidades como a Confraría de Pescadores San Andrés Portosín (marca Azul de Portosín). A través dun traballo conxunto, foron quen de obter proteínas de “alta calidade” para o sector gastronómico e tamén para a saúde e os coidados. Na xornada tamén se deu a coñecer que GELFISH terá unha segunda fase de traballo: outros 18 meses que porán o foco na transferencia dos resultados ao mercado.
Máis en concreto, GELFISH céntrase na valorización do aceite de peixe mediante a obtención de oleoxeles estabilizados con diferentes hidrocoloides, algúns deles de orixe mariña (como o quitosano) e que poden ser obtidos en procesos de valorización integrados coa produción dos propios oleoxeles e outros produtos de alto valor. A produción deste tipo de compostos permite, ademais de incrementar o valor do aceite, a conservación dos seus beneficios nutricionais nun novo formato máis axeitado para o seu emprego na industria conserveira, promovendo unha nova alternativa para facer o mellor uso posíbel dos recursos mariños. Todo iso co fin último de incentivar e promover o incremento dos niveis de cumprimento da obriga de desembarco (OD) mediante o aproveitamento da biomasa que antes da PPC era desbotada.
Ademais, inclúe unha análise tecno-económica e ambiental do proceso, cuantificando a circularidade da valorización de descartes mediante o uso de indicadores combinados, así como os potenciais beneficios para as frotas artesanais consideradas.
Na xornada celebrada en Portosín participou Luis Taboada, director de GELFISH, quen lembrou que o proxecto xurdiu directamente do diálogo coa frota artesanal de cerco de Portosín (A Coruña) e da súa preocupación por como dar saída a capturas que, por distintos motivos non podían ir a lonxa, compartindo co IIM-CSIC o seu interese en aproveitar recursos pesqueiros infrautilizados ou directamente desbotados.

Explica Taboada que o aceite de peixe, especialmente o procedente de especies peláxicas capturadas pola frota artesanal, é un “ingrediente de altísimo valor nutricional (rico en ácidos graxos omega-3 como o EPA e o DHA)”, pero con limitacións importantes para o seu uso directo: é moi sensíbel á oxidación e a degradación, difícil de manexar a nivel tecnolóxico e pouco versátil para incorporalo a produtos alimentarios habituais.
Na xornada fixo saber que os oleoxeles “permiten resolver boa parte destes problemas, ao estruturar o aceite en forma dun xel brando co que conseguimos manter as súas propiedades saudábeis, mellorar a súa estabilidade fronte á oxidación e transformalo nun formato moito máis fácil de usar por parte da industria alimentaria”.
En canto aos usos dos oleoxeles, o abano é amplo: “No ámbito alimentario poden empregarse como ingredientes saudábeis en conservas de peixe, preparados listos para consumir, produtos reformulados con menos graxas saturadas ou, mesmo, en novas elaboracións gastronómicas. Tamén teñen potencial no campo nutracéutico e funcional, como soporte para ingredientes bioactivos. Son unha ferramenta moi versátil que nos permite converter un aceite difícil de manexar nun ingrediente con múltiples aplicacións, xerando valor engadido tanto para a industria como para as comunidades pesqueiras costeiras”.



