
Declarada pola UNESCO Patrimonio Mundial da Humanidade no ano 2.000, a muralla de Lugo perdeu na noite deste sábado parte do pano da cara suroeste debido á acumulación de auga orixinada polas choivas destes días.
O desprendemento non causou danos persoais nen materiais e ven ser o primeiro que se contabiliza nos últimos 20 anos. Produciuse ás 23,30 horas da noite do sábado, na rúa do Moucho da capital luguesa. A parte derrubada quedou na zona interior da muralla e formaba parte do recubrimento do muro ende ben non pertence á orixinal romana, xa que logo corresponde á zona na que a construción era menos densa e dispón de maior cúmulo de terra e menor cantidade de pedra . De aquí que fose máis sensible ás choivas rexistradas nas últimas semanas. Arestora non se agardan máis desprendementos na zona, pero de seguir a chover en cantidades semellantes ás xa rexistradas, non se desbota que a auga arrastre o material acumulado durante o derrube.
Durante este domingo, representantes do concello lugués e da Xunta visitaron a zona e explicaron as actuacións a levar a cabo para recompoñer esta parte do monumento. Dáse como moi probable que este luns comecen os traballos de restauración deste monumento Patrimonio Mundial da Humanidade.
No ano 1986 rexistrouse un dos máis importantes esboroamentos desta muralla recoñecida como a única no mundo de cantas rodean poboacións semellantes a Lugo. Tal derrube foi na zona que ocupa actualmente o edificio multiusos da Xunta. Catro anos máis tarde houbo outro grande desprendemento a carón da porta do Bispo Aguirre. E no ano 2000, parte dun lenzo lindeiro á porta de Santiago foi reconstruído desde a base.
A construción da muralla de Lugo data da segunda metade do século III . Cunha lonxitude de 2.226 metros este monumento mundial está coroado por 86 poderosas torres e delimitado como elemento integrador entre a antiga Lucus e todo o que se foi creando no arredor. As súas dez portas unen unha parte da cidade coa outra e o seu paseo de rolda -o adarve- converteuse nunha rúa.
Segundo a lenda, os romanos construíron esta muralla para protexer o “Lucus Augusti” desde a concepción de acubillar ao “Bosque Sagro de Augusto”, bosque hoxe en día misterioso pero que rodea a vella muralla nun permanente desafío ao tempo e á historia.



