AMEGA formámola arredor de 60 medios (radios, edicións impresas, xornais dixitais…) entre eles “O Barbanza” e “Código Cero”, vimos de contrastar que hai activos máis de 140 medios (incluíndo revistas especializadas, tanto dixitais como impresas) contanto o que pasa no noso país.
Cada 7 de febreiro, Galicia celebra o Día dos Medios en Galego. Faino co gallo da saída da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, en 1876.
Un “Día” ratificado por unha declaración conxunta de todos os partidos con representación no Parlamento Galego o propio 7 de febreiro de 2018.
Un Día que serve á entidade de fío condutor para realizar as campañas de sensibilización e concienciación da necesidade de manter medios que manteñen viva e útil o noso idioma.

Xa está aquí un novo Día dos Medios en Galego 2026, unha edición moi especial na que conmemoramos o 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela, primeira cabeceira periódica integramente en galego.
Dende a Asociación de Medios en Galego convidámosvos a participar nesta xornada, que será unha oportunidade para reflexionar sobre o presente e o futuro do sector, reforzar vínculos entre medios e celebrar colectivamente o compromiso coa lingua e coa comunicación de proximidade.
Esta xornada naceu coa vontade de consolidarse como un espazo anual de encontro entre medios de comunicación, administracións públicas, entidades culturais e sociedade civil, co obxectivo de reflexionar sobre o papel estratéxico dos medios en galego no contexto actual de transformación dixital.
O venres, 6 de febreiro a partir das 18:00 horas, celebrarase no Liceo de Ourense unha mesa coloquio centrada en Intelixencia artificial, redes sociais, alfabetización dixital e desinformación, na que participarán profesionais e representantes de entidades de referencia do ámbito galego, catalán e vasco. A sesión concluirá cun espazo de encontro institucional. E xa pola noite, a partir das 21:00 horas celebraremos unha foliada aberta á cidadanía na Praza de San Martiño.
O sábado, 7 de febreiro a partir das 11:00 horas, desenvolverase un roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal, organizado polo Consello da Cultura Galega, que permitirá poñer en valor a figura do impulsor de O Tío Marcos d’a Portela e o legado do xornalismo en galego, que rematará cun cocido no Liceo.
PROGRAMA
Venres, 6 de febreiro ·
Liceo de Ourense
17:30 – 18:00 h
Inscricións
18:00 – 18:10 h
Benvida institucional
- Noa Rouco, concelleira de Artes e Festexos do Concello de Ourense
- Fernando de Paz, presidente de AMEGA
18:00 – 19:30 h
Mesa coloquio: Intelixencia artificial, redes sociais, alfabetización dixital e desinformación
Intervirán:
- Joxe Rojas (Tokikom)
- Xavier Domingo Serra (AMIC / Mortensen e Sorensen AI)
- Ferran Pedrix (Associació Catalana de la Premsa Comarcal)
- Paulo Gamallo (USC – Proxecto Nós)
- Iván Iglesias (OUKÉ!)
- Rebeca Munín (Revista Pincha / AMEGA)
19:30 – 19:40 h
Clausura
- César Fernández, vicepresidente 2º da Deputación de Ourense
- Valentín García, secretario xeral da Lingua
19:40 – 20:30 h
Petiscos no Liceo
21:00 h
Foliada na Praza de San Martiño, coas agrupacións:
A Galleira · A Cunheira · Feitizo de Pau · Castro Floxo · Coral de Ruada



