Padrón consolida o seu modelo de turismo de calidade en 2025 cun incremento do 15 % das pernoctas

16 Xaneiro 2026

O balance turístico do Concello de Padrón correspondente ao ano 2025 confirma a consolidación do municipio como nodo estratéxico do Camiño de Santiago e como referente cultural en Galicia. As cifras, segundo confirmaron fontes do Consistorio, “avalan esta evolución positiva”, e así, a Oficina de Turismo atendeu 36.450 persoas en 2025, mantendo valores moi próximos aos mellores rexistros históricos.

Este contexto reflicte “unha recuperación sostida tras a pandemia, cun perfil de visitantes fortemente vinculado ao fenómeno xacobeo: máis da metade das atencións corresponderon a peregrinos e peregrinas, aínda que se observa unha diversificación progresiva do turismo, tanto en tipoloxías como en motivacións de viaxe”, informou o Concello, engadindo que os datos de procedencia reflicten “a crecente internacionalización de Padrón, cun 31,78 % de visitantes estranxeiros (11.584), porcentaxe que se incrementa respecto aos anos anteriores, e a presenza de persoas procedentes de 89 países diferentes, a cifra máis elevada rexistrada ata o momento”.

Este feito “consolida a posición da vila dentro dos fluxos turísticos internacionais asociados ao Camiño de Santiago”.

Para o Goberno local un dos indicadores máis salientábeis deste dinamismo é “o aumento das noites pasadas nos establecementos locais, xa que o 40,40 % das persoas visitantes permaneceron polo menos unha noite na vila, o que supón un incremento do 15 % respecto a 2024”. Este dato, indica o Consistorio, ten un impacto directo na dinamización da economía local, especialmente nos sectores da hostalería, restauración e comercio.

Este efecto vese reforzado polas accións de apoio ao sector desenvolvidas polo departamento de Turismo que distribuíu, entre outros materiais, un total de 13.300 planos entre os establecementos do municipio, garantindo que o visitante dispoña de información turística de calidade ao longo de toda a súa estadía en Padrón.

No eido patrimonial, a igrexa parroquial de Santiago de Padrón, enclave central da tradición xacobea que custodia o Pedrón, rexistrou durante 2025 un total de 81.849 persoas visitantes, a falta dos datos correspondentes aos meses de outubro e decembro. Pola súa banda, a Casa Museo Rosalía de Castro mantivo a tendencia ascendente dos últimos anos, con 18.666 visitantes, consolidándose como un recurso cultural de primeiro nivel.

Ao longo de 2025, o servizo municipal de Turismo organizou e atendeu 1.707 persoas en visitas guiadas, repartidas entre o casco histórico, o Xardín Botánico Artístico de Padrón e distintas visitas teatralizadas, dirixidas tanto á poboación local como a turistas, peregrinos e centros educativos.

No ámbito xacobeo, expediuse un total de 14.210 diplomas da Pedronía, sumando os emitidos pola Oficina de Turismo e polo Albergue Municipal de Peregrinos, así como 174 diplomas da Traslatio, vinculados á Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, reforzando o papel de Padrón como enclave clave nas orixes do Camiño de Santiago.

O Concello segue apostando pola proximidade a través de novas ferramentas coma a canle de difusión de WhatsApp, que xa conta con 793 subscritores (principalmente veciñanza local) que reciben cada martes a programación de actividades.

Presenza en FITUR 2026

Neste contexto de resultados positivos e co obxectivo de seguir reforzando a promoción do destino, Padrón volverá estar presente na Feira Internacional de Turismo (FITUR) 2026, que se celebrará en Madrid do 21 ao 25 de xaneiro, un dos principais escaparates do sector turístico a nivel estatal e internacional. A participación nesta cita permitirá dar visibilidade aos recursos culturais, patrimoniais, naturais e xacobeos da vila, afondar na súa proxección exterior e establecer novas liñas de colaboración que contribúan a seguir mellorando os resultados turísticos nos vindeiros anos.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.