
Donald Trump, descendente de europeos, non é cidadán estadounidense pola vía directa que tenta facer valer para os migrantes. Tampouco é estadounidense pola vía familiar Melania, a dona de Trump, nacida en Eslovenia (antiga Iugoslavia). De calquera xeito, nen el nen ela serán expulsados de USA como o foron -e supoño que o seguirán a ser- os venezolanos (entre outros) considerados migrantes irregulares que domean o lombo en USA para beneficio das empresas deste país.
Donald -emparentado por nome cun sobriño do famoso multimillonario “tío Gilito”- máis que gobernante é, ao meu parecer, un comerciante barateiro que agora e sen complexos de pallaso trasnoitado bate as augas nunca mansas da política venezolana nunha intentona máis de facer ver que a súa é unha política tendente -como anunciara- a loitar pola paz e aspirante, engado con permiso, a ser o único presidente estadounidense que non “meteu” ao seu país nunha guerra.
Porque atacar a Venezuela a pasada noite cando os seus habitantes descansaban, saltándose ao seu antollo a máis elemental norma de convivencia internacional, non é ilegal. Tampouco semella ser ilegal matar venezolanos sen esixir o requisito da previa declaración de guerra baseada nun motivo que a xustifique. O que importa verdadeiramente son as enormes reservas petroleiras dun país, Venezuela, que acubilla no seu fermoso e vizoso territorio a milleiros de galegos que alí souberon ser cidadáns polo traballo arreo de migrantes desde o século XIX.
Donald Trump, reconvertido en xendarme do mundo, non atacou -estou convencido- Venezuela por mor de estaren os seus cidadáns gobernados, probablemente, por un Nicolás Maduro que non foi reelixido presidente da Republica Bolivariana. O obxectivo non é outro que se facer cos pozos de petróleo que abundan nese país no que milleiros de galegos souberon facer realidade os seus soños a través do traballo constante e responsable.
Nicolás Maduro xa é refén de Trump. E este será o reitor do destino dese país descabezado no que imperou o “chavismo” unipersoal que tanto amolou a quen, en USA, estableceu un goberno de titiriteiros asimesmo unipersoal que foi quen de mobilizar ao seu exército para demostrar que en EE.UU. hai que facer o que a el lle peta e quen non o acepte, ao cagarrón.
Presidente elixido por unha minoría de votantes que desenvolve porque sí o papel de xendarme do mundo e pretende impoñer o petróleo venezolano coma competencia directa ao de Rusia e os países árabes.
Meu pobre mundo!.



