O Concello de Ribeira aproba iniciar os trámites para facerse co legado artístico e a biblioteca de Manuel Ayaso

27 Xaneiro 2026

O pleno da Corporación de Ribeira aprobou este luns 26 de xaneiro iniciar os trámites para facerse co legado artístico e a biblioteca de Manuel Ayaso, Fillo Predilecto do municipio, mestre universal e embaixador ribeirense. Presentada polo Goberno local, a proposta aprobada establece a necesidade, en primeiro lugar, de levar a cabo os informes técnicos precisos para determinar o valor da obra e, posteriormente, o Concello de Ribeira deberá dispoñer dunha sala específica para a súa exposición durante o próximos cinco anos. “Para Ribeira é un motivo de orgullo poder contar coa obra dun artista único como o noso querido Ayaso”, apuntou a alcaldesa, María Sampedro, quen lembrou que a intención do pintor foi sempre que o seu legado permanecese no municipio.

Mesa de peonalización

Por outra banda, no referente á aprobación da iniciativa presentada pola concelleira non adscrita, e que contou coa unanimidade do pleno, para continuar traballando co proxecto “Ría de Arousa Accesible”, impulsado pola asociación Ambar, a alcaldesa confirmou tamén que o Goberno local convocará ao longo do mes de febreiro a mesa de peonalización, co obxectivo de “abordar, cos diferentes órganos de participación, a posta en marcha de forma conxunta de proxectos que permitan mellorar a accesibilidade no Concello de Ribeira”.

Outro dos asuntos que estaba previsto debater no pleno, e que finalmente foi retirado da orde do día, era a moción que tiña como obxectivo terminar coa desigualdade que afecta o persoal de limpeza dos hospitais de Cee, Barbanza e O Salnés, con respecto aos profesionais de hospitais doutras áreas sanitarias de Galicia. O texto foi retirado a petición da parte solicitante, tendo en conta que os traballadores iniciaron un proceso de negociación coa empresa tras a mediación do SERGAS.

O pleno serviu tamén para aprobar a delegación das competencias relativas á convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos para categorías do corpo de Policía Local. A partir deste acordo, será a Administración Xeral dá Comunidade Autónoma de Galicia a responsábel de levar a cabo todo este proceso.

Noutra orde de cousas, o pleno deu luz verde, cos votos en contra do concelleiro do PSOE e dun do grupo dos non adscritos, á emenda de substitución presentada polo Partido Popular contra a moción socialista na que se reclamaba aos técnicos de Urbanismo do Concello de Ribeira unha excepción que permitise outorgar licenzas en solares/parcelas residuais urbanas cando se acredite a imposibilidade real de cumprir os mínimos por non poder agregarse ás fincas lindeiras xa edificadas, mantendo o cumprimento do resto de parámetros urbanísticos da contorna e, desta forma, adaptar a normativa á realidade existente.

Finalmente, o texto aprobado establece a elaboración dunha modificación puntal de capítulo 3 que fala dos parámetros de edificación no artigo 90: “Condicións de parcela e concordantes, e que, abrangue a todo tipo de solo. E seguir co procedemento que se contempla nestes casos. Sendo a única forma de corrección destas situacións”.

Por último, o pleno aprobou a proposta para a modificación dos estatutos da Mancomunidade Ría de Arousa, que ten como obxectivo principal a posibilidade de abrir a xestión á posta en marcha de máis servizos que os relativos ao turismo e a extinción de incendios, así como as modificacións necesarias e consecuentes no réxime de financiamento da entidade.

Reforzar Correos: proposta aprobada do BNG (xunto con medidas de calmado de tráfico e benestar animal)

No pleno o BNG puxo o foco “nun problema serio” que afecta a moitas veciñas, veciños, empresas e institucións de Ribeira como é a insuficiencia de persoal en Correos no municipio, “unha situación especialmente grave nun municipio que supera os 27.000 habitantes durante boa parte do ano e que incrementa de xeito notábel a súa poboación nos meses de verán”. O portavoz, Luís Pérez Barral, explicou que “aínda que o cadro teórico de persoal é de 15 carteiras e carteiros (urbanos e rurais), só arredor de oito están en activo, debido a que non se cobren baixas, vacacións nin vacantes”. Engadiu que “esta falta de persoal vese agravada porque parte do servizo de paquetería urxente é asumido por traballadores que tamén cobren outros concellos da comarca, o que repercute negativamente na calidade do servizo”.

Desde o BNG denunciouse que esta situación “provoca sobrecarga laboral no persoal, atrasos na entrega da correspondencia e paquetes, dificultades na atención ao público e, en xeral, un deterioro dun servizo público esencial para a veciñanza, o comercio, as empresas e as administracións”.

A proposta foi aprobada por unanimidade.

Pola súa banda, o concelleiro Xabier Vidal, reclamou “a execución inmediata das medidas de calmado do tráfico na rúa de Deán Pequeno”, unha actuación impulsada durante a súa etapa como concelleiro de Obras e que, segundo explicou, “conta con informes técnicos favorábeis e coa aprobación formal do Goberno municipal”. Sinalou que “na rúa de Deán Pequeno vénse detectando dende hai tempo unha circulación de vehículos a velocidades excesivas, o que supón un risco evidente para a seguridade das persoas peóns, máis aínda tendo en conta que se trata dunha vía sen beirarrúas”. Co obxectivo de dar resposta a esta problemática, o pasado 4 de agosto solicitouse á Policía Local un informe sobre a viabilidade da adopción de medidas axeitadas para o calmado do tráfico. Posteriormente, o 3 de setembro, Xabier Vidal mantivo, xunto co alcalde Luís Pérez Barral, unha xuntanza coa veciñanza da rúa de Deán Pequeno na que se lles presentou unha proposta concreta de calmado do tráfico. Vidal lembrou que a iniciativa contou co visto e prace das persoas residentes, que ademais propuxeron a incorporación dun novo lombo de asno noutro punto da rúa para reforzar a seguridade viaria. Recordou tamén que “esta achega da veciñanza foi recollida nun segundo informe emitido pola Policía Local o 9 de setembro de 2025, no que se incorporaban as modificacións solicitadas”. O devandito informe foi aprobado pola Xunta de Goberno Local o 18 de setembro, deixando o procedemento completamente resolto desde o punto de vista técnico e administrativo.

Porén, dixo Vidal, “transcorridos xa case cinco meses desde a súa aprobación, as medidas de calmado do tráfico seguen demorándose por parte do actual Goberno municipal en mans do PP, mantendo á veciñanza de Deán Pequeno nunha situación de inseguridade innecesaria”.

Dende o BNG reclámase que “se dea cumprimento aos acordos adoptados e que se leven a cabo de inmediato as actuacións aprobadas, poñendo por diante a seguridade das persoas e o respecto aos compromisos adquiridos coa veciñanza”.

Batería de iniciativas do BNG sobre benestar animal

A concelleira Antia Alberte defendeu dúas iniciativas no pleno co obxectivo de mellorar as políticas municipais de benestar animal, poñendo o foco tanto no funcionamento do centro de recollida de animais como na xestión das colonias felinas do municipio.

Alberte Maneiro, trasladou ao Executivo municipal a súa preocupación “polo deficiente convenio de xestión do centro de recollida de animais, asinado un mes antes das eleccións municipais de 2023, cunha dotación económica claramente insuficiente para cumprir coas obrigas que marca a Lei de Benestar Animal”. Dixo que “malia intentalo durante a súa etapa á fronte desta área, xuridicamente foi imposíbel mellorar ese convenio que non garante nin os medios nin as condicións necesarias para prestar un servizo digno, algo que repercute na atención aos animais”.

Ante esta situación, o BNG apostou “cara a un novo proxecto de centro de acollida, correctamente dotado economicamente e que permita converter as instalacións nun verdadeiro núcleo zoolóxico”. Nesa liña, destacou “o investimento realizado durante o anterior mandato para mellorar infraestruturas clave, como a renovación da fosa séptica, paso imprescindíbel para cumprir coa normativa vixente”.

Con respecto ás colonias felinas Bloque puxo en valor o traballo fundamental das alimentadoras felinas, “persoas que de maneira totalmente altruísta coidan dos gatos da rúa, contribuíndo ao seu benestar e á correcta xestión das colonias”. A edil do BNG lembrou que Ribeira conta cun número elevado de colonias, identificadas grazas a un estudo realizado no ano 2023, e que o seu correcto funcionamento pasa por continuar co método CER (captura, esterilización e retorno), atender animais enfermos e desenvolver campañas de concienciación. Pediu continuar coas propostas realizadas, apoiar e protexer este labor, facilitando recursos, mediando en conflitos veciñais cando sexa preciso e asumindo a súa responsabilidade institucional nun ámbito que non pode recaer unicamente no voluntariado.

Demanda do BNG para a posta en marcha do Punto Limpo Móbil

A concelleira Antía Alberte, demandou a posta en marcha do punto limpo móbil conseguido durante a súa etapa á fronte da Concellería de Medio Ambiente. “Este equipamento”, dixo, “é unha ferramenta fundamental para mellorar a xestión dos residuos no concello, ao facilitar a recollida de residuos especiais sen que a veciñanza teña que desprazarse até o punto limpo fixo situado en Xarás”. Engadiu que “a adquisición deste punto limpo móbil foi posíbel grazas á implicación do goberno local encabezado polo BNG así como polo traballo do persoal técnico municipal” e que “a iniciativa naceu coa vontade de achegar os servizos públicos ás parroquias e fomentar unha maior participación cidadá na separación de residuos, facendo máis doada e accesible esta tarefa”.

“Ribeira conta cunha poboación altamente concienciada co coidado do medio ambiente, algo que se vén demostrando en iniciativas como as campañas municipais de compostaxe doméstica —nas que se esgotaron máis de 300 composteiros—, a implicación veciñal na resposta á chegada masiva de granulados plásticos ás praias en decembro de 2023 ou o desenvolvemento de proxectos de bosques comestibles en espazos urbanos como o parque de San Roque” defendeu Alberte Maneiro, salientando que “as institucións deben ser as primeiras en dar exemplo impulsando políticas públicas que garantan un futuro sostíbel para as vindeiras xeracións”.

O PSOE require ao Goberno local que “mova ficha co solo residencial bloqueado”

O Grupo Municipal Socialista de Ribeira levou ao pleno ordinario celebrado este luns unha proposición para dar resposta a un problema que segundo indicou o concelleiro Francisco Suárez-Puerta “leva tempo instalado no municipio por culpa do PXOM”. Trátase, indicou, “a existencia de parcelas con cualificación residencial que, por non cumprir uns mínimos de dimensión e por estar xa rodeadas de edificacións, quedan na práctica imposibilitadas para obter licenza, condenadas a permanecer baleiras de maneira indefinida”.

O obxectivo da iniciativa socialista foi conseguir que o planeamento recoñeza estes supostos residuais e estableza unha excepción ben delimitada, con criterios verificábeis e garantías, “para que a veciñanza poida construír vivenda onde ata agora era inviábel, evitando que o plan produza un resultado absurdo e socialmente inxusto”, sinalou o portavoz socialista, Fran Suárez-Puerta, subliñando que “a vivenda é un dos grandes problemas sociais, tamén en Ribeira, e non ten sentido manter bloqueado solo residencial cando o bloqueo depende dunha situación física que pode solucionarse”.

Para o edil socialista, “está claro que o PP pretende vender como propio un resultado que chega porque o PSOE fixo todo o traballo: detectou o problema, documentouno e levouno ao pleno para obrigar a corporación a tomar posición”. A realidade, engadiu, “é que o PP non moveu un dedo ata
que viu a nosa iniciativa do PSdeG e, no canto de asumir o debate con seriedade e achegar unha proposta completa, presentou unha emenda de apenas catro liñas, sen explicar nada dunha excepción que pode ter consecuencias urbanísticas relevantes”.

Fran Suárez-Puerta apuntou tamén que “se con catro liñas se podía resolver todo isto, o que non se entende é por que tardaron tanto. Levamos dende que se aprobou o PXOM con este tema parado e agora pretenden lavar a cara cun texto mínimo para sacar un titular e aparentar que fixeron algo”.

Para o Grupo Socialista, a finalidade política desta emenda é evidente: “Deslucir o traballo do noso grupo e tentar apropiarse do resultado logrado cando a única razón pola que o asunto se moveu hoxe é porque o PSOE o puxo enriba da mesa”.

Indicou tamén que “a modificación dos Estatutos da Mancomunidade non é un traballo impulsado de forma autónoma polo Goberno local, do mesmo xeito que a aceptación do legado da obra e da biblioteca de Manuel Ayaso Dios, unha cuestión que se leva ao pleno sen coñecer e sen concretar o seu contido completo nin explicar onde se pretende emprazar ou poñer en valor ese fondo”. O mesmo acontece, engadiu, “co convenio para a delegación das competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento de procesos selectivos para categorías do corpo da Policía Local, que non é máis ca a renovación dun acordo xa existente e que, de feito, nin sequera xerou debate por parte de ningún dos grupos”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“El Rey legitimó la Corona”. José Castro López

“El Rey legitimó la Corona”. José Castro López

El Gobierno dio un paso significativo desclasificando documentos del fallido golpe de Estado del 23 de febrero de 1981. Aquel día, con la irrupción de Antonio Tejero en el Congreso, la incertidumbre paralizó al país y la joven democracia española vivió su momento más...

“Catálogo de estrellas”. Mario Clavell

“Catálogo de estrellas”. Mario Clavell

Hace tres semanas fue publicado el muy simpar catálogo REGALADE que enumera y da distancias y medidas de ochenta millones de galaxias en el cosmos observable. Distan hasta seis mil millones de años luz, y permite que los astrónomos identifiquen muchas más galaxias y...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.