O BNG de Lousame emitiu un comunicado no que critica ao Goberno local do PP por, din, “falta de transparencia”.

O comunicado pon o foco no pleno urxente de Nadal convocado polo Executivo para a aprobación do orzamento correspondente ao exercicio 2026, convocatoria que, lembran, “provocou o malestar xeneralizado da oposición”, por, en palabras de Anxo Moledo, responsábel do BNG, “ser convocado ás présas e pasando por riba todos os requirimentos de tempo e forma para garantir a igualdade de oportunidades da oposición”.
“Este orzamento”, sinalan, “segue o estilo de goberno que lles caracteriza, desenvolven prácticas escurantistas para afogar á oposición, deixándonos sen marxe para analizar detidamente as contas e poder contrastar información”. Segundo apunta Moledo, a principal eiva destas contas pasa por non contemplar o importe adicado á taxa do lixo, o IVTM e os acordos con outras administracións. “Son uns orzamentos continuístas, que o mesmo alcalde recoñece como apurados, dándolle as costas á oposición e con cero proxectos e investimentos para seguir medrando a vila”, incidiu o portavoz do BNG.
Cuestionan tamén certos contidos do programa Nacín en Lousame, un orgullo que se debe coidar, un plan do Goberno local que pretende “fomentar a natalidade e conseguir reverter o despoboamento que sufre o rural”. No mesmo, as crianzas nadas a partir do 2026 recibirán 300 euros anuais durante 3 anos, co único requirimento de que un dos pais ten que estar empadroado no concello. Ademais, inclúese un plan de asesoramento á lactancia. O portavoz Anxo Moledo defende que os fondos adicados a este plan de natalidade “van directamente ao lixo se non temos matrona a tempo completo no noso centro de saúde”. Denuncia tamén “a lista de espera que ten o centro de atención primaria de Lousame, que se estende a 2 meses no caso da matrona e que imposibilita a chegada de novas familias á vila, así como o deterioro xeral da sanidade pública que obriga aos pacientes a desprazarse a outros centros”.



