
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá a proxección da película El rey de reyes os días venres 2 e sábado 3 de xaneiro ás 17:00 h, nunha proposta pensada especialmente para o público familiar e ideal para gozar do cinema nestas datas de Nadal.
El rey de reyes ofrece unha visión emotiva e accesible da vida de Xesucristo, narrada polo escritor Charles Dickens a través dos ollos do seu fillo Walter. A historia parte da dificultade do célebre autor para conectar co neno debido ás esixencias do seu traballo, unha distancia que se irá reducindo a medida que Dickens lle conta o relato da vida de Xesús, convertendo a narración nunha experiencia compartida chea de emoción e aprendizaxe.
Ao longo da película, o pequeno Walter acompaña de maneira imaxinativa os momentos máis significativos da historia, mentres se constrúe un vínculo profundo entre pai e fillo, reforzado polo poder da palabra, da memoria e da transmisión de valores.
Desde a Concellería de Cultura sinalan que El rey de reyes “é unha ocasión perfecta para compartir cine en familia durante o Nadal, cunha historia chea de sensibilidade que fala da importancia do tempo compartido, da narración e da empatía”.
Horarios de proxección:
Venres, 2 de xaneiro ás 17:00 h
Sábado, 3 de xaneiro ás 17:00 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entradas dispoñíbeis na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.



