
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros proxecta esta semana Nuremberg, un intenso drama histórico sobre os xuízos ao nazismo
Poderá verse do venres 9 ao domingo 11 de xaneiro.
Dirixida por James Vanderbilt, Nuremberg sitúanos no momento no que o psiquiatra estadounidense Douglas Kelley, interpretado por Rami Malek, é designado para avaliar a saúde mental dos principais líderes nazis detidos e determinar se son aptos para ser xulgados polos seus crimes de guerra. A súa tarefa levarao a manter unha complexa e tensa batalla psicolóxica con Hermann Göring, man dereita de Hitler, ao que dá vida Russell Crowe, nun duelo intelectual marcado polo poder, a manipulación e a conciencia moral.
O filme combina rigor histórico e dramatización para ofrecer unha reflexión profunda sobre a responsabilidade individual, a natureza do mal e a xustiza internacional, apoiándose nun sólido reparto coral no que tamén participan Leo Woodall, Michael Shannon, Richard E. Grant, Colin Hanks ou John Slattery.
Desde a Concellería de Cultura destacan que “Nuremberg é unha proposta cinematográfica de grande interese histórico e humano, que invita á reflexión e ao debate, e que encaixa na aposta do auditorio por un cinema de calidade, comprometido coa memoria e coa historia contemporánea”.
Sesións
Venres, 9 de xaneiro ás 20:30 h
Sábado, 10 de xaneiro ás 20:30 h
Domingo, 11 de xaneiro ás 19:00 h
Entradas dispoñíbeis na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros




