
Resido desde o ano 1963 nunha cidade galega, A Coruña, que cos seus actualmente máis de 250.000 habitantes, aplica desde o 1 de xaneiro de 2023, a normativa que regula as Zonas de Baixas Emisións, áreas delimitadas na extensión dun concello ás que se restrinxe o acceso, condución e estacionamento dos vehículos máis contaminantes, en función da etiqueta ambiental asignada aos mesmos pola Dirección Xeral de Tráfico. De non se respectar esta, os concellos poden impoñer multas cuxo importe para nada vai resultar doado aceptar a quen teña que pagala.
A Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética (do ano 2021) e o Real Decreto 1052/2022 regulan o concepto de Zona de Baixas Emisións no noso país, unha normativa que obriga a todos os municipios con máis de 50.000 habitantes a dispoñer dunha ZBE. O obxectivo é, oficialmente, mellorar a calidade do aire e a saúde pública, reducir os gases de efecto invernadoiro e promover unha mobilidade sostible fomentando o uso do transporte público, bicicletas e vehículos con etiqueta 0 nas cidades.
Para entrar nas Zonas de Baixas Emisións -que deben estar todas elas perfectamente sinaladas- o vehículo debe levar un adhesivo medioambiental da Dirección Xeral de Tráfico (cero, eco, C ou B) a menos que o vehículo sen etiqueta cumpra determjnados requisitos.
Ei confesar, e confeso, que agás en Madrid non vira ata vai meses a aplicación desta normativa e que vai menos dun ano que sei da existencia destas “zonas” (ZBE) na cidade na que vivo. Descoñezo o grao de respecto a estas indicacións. Mais estou convencido de que a súa aplicación vai ir máis en función das necesidades econòmicas municipais que levados dos beneficios que un cumprimento efectivo das normas do tránsito rodado vai ter para a vida dos cidadáns.
Hase ver.



