Reflexión para motivar a terceras personas interesadas en reclamar, promover, xestionar a devolución de bens do patrimonio cultural de Galicia expoliados, negociados en operacións de compra venta irregulares, exiliados fóra da Terra da que nunca deberon sair. Exhibidos sen reparo en museos e coleccións —nos catro casos que hoxe nos ocupan— de Barcelona.

Os relieves arrancados do tímpano da portada occidental do mosteiro bieito de San Lourenzo de Carboeiro, a saber, o Pantocrátor ou Cristo Maxestade e os animáis totémicos e dous dos Evanxelistas, San Xoán (águia) e San Marcos (León), pois que os outros permanecen no monumento de onde foron sustraídos…
Esculturas do circulo do gran Mestre Mateo, románicas, datadas ca. 1200.
O báculo fundido en metal, cobre embutido, repuxado, calado, cincelado e dourado, ornado con fina aplicación de esmalte «champlevé» e pérolas de vidro. Procedente da igrexa de Santa María do Campo – Ribadeo…
Excepcional alfaia románica, obra de obradoiro Lemosín, datado entre os anos 1199-1218.
A escultura de Santiago sedente, labrada en granito con restos de policromía, derivada de prototipos compostelás como as imaxes do Apóstolo que presiden o Pórtico da Gloria e o altar maior da catedral. Procedente da capela de Santiago do Burgo – Pontevedra…
Peza tardorrománica datada ca. 1330-1340.
Os machados adscritos ao Bronce Atlántico atopados no Barbanza polo pobrense Ramón del Valle-Inclán Bermúdez, pai que sería do ilustre escritor Ramón del Valle-Inclán Peña, explorador e asiduo colaborador e informante de Manuel Murguía en asuntos de arqueoloxía nas dúas bandas da ría: Barbanza e Salnés.
Peza da Idade do Bronce, do III milenio a.d.e.
Debemos valorar se esta sorte enorme de bens do patrimonio cultural de Galicia, testemuñas senlleiras dos nosos devanceiros, non doutros, deben continuar fóra do país e como se foran trofeos do expolio, descontextualizados entre os fondos de centros da cidade de Barcelona como o contemporáneamente tan sinalando Museo de Arte de Catalunya… ou o Museo de Arte Marés… entre outros.
Non só as esculturas exteriores da fachada occidental da catedral de Santiago, obxectos de promoción real, contrato, pagos e exhibición por séculos na basílica compostelá para a que foron creadas, expoliadas no século XX pola familia Franco para uso decorativo privado no Pazo de Meirás —ao que por certo tamén se trasladou o que era fermoso Pazo de Dodro—. Non só as pinturas medievais incendiadas, semidestruidas, arrancadas, pero pertencentes ao mosteiro de Sijena e ao antigo Reino de Aragón son apropiacións en entredito, como acabamos de demostrar. Legalmente, as obras artísticas citadas para dar remate a esta reflexión pública, son requeridas en instancias xudiciáis e resoltas en firme por sucesivas sentencias para a súa devolución conforme á lei.
Galicia debería seguir a liña de acción sinalada pola razón cidadá e polo marco xurídico para resolver a devolución do patrimonio cultural de seu, bens arqueolóxicos, históricos, artísticos, identitarios de nós. Un legado irrenunciable.
Noutra ocasión sinalaremos máis exemplos detectados en grandes institucións europeas e norteamericanas. Será o turno desa «disjecta membra» do patrimonio de Galicia diseminado, distraído, por fortuna conservado e exhibido ao público, nos Germäldegalerie (Berlín), Victoria and Albert Museum (Londres), Museum of Fine Arts (Boston), The Metropolitain Museum of Art (Nova York) etcétera.




