Nunca tal vin na miña xa extensa vida, mais a realidade non se pode disfrazar: as películas de indios e vaqueiros, as historias do Far-West que, vai 70 anos, seguiamos con toda a atención do mundo nos cines de Moraña e do Filipino, en Ribeira, nada tiñan que ver coa falcatruada levada a cabo en Venezuela polas hostes comandadas polo gran xefe -mohicano?- “Cabelo Zanoria” que o Gran Manitú lles concedeu para groria da águia calva norteamericana.
Nunca cheguei a pensar que un país cuxa democracia está consolidada pola figura dun presidente e unha constitución federal, poidera perpetrar unha vergoñenta acción que evidencia que o poder político do que gozan os norteamericanos desde vai preto de 250 anos pode ser violado polo simple feito de se facer co petróleo doutro estado americano (Venezuela) empregando para elo un subterfuxio como é o de empregar a súa xustiza para beneficio propio a costa de actuar militarmente para secuestrar a un presidente -presuntamente ilegal- acusado polo Estado secuestrador de practicar narcotráfico.
Os poderes do presidente estadounidense están recoñecidos na Constitución do 17 de setembro de 1787, que outorga a ete a condición de ser o comandante en xefe do Exército ao tempo que ven ser o xefe do Poder Executivo. Máis non outorga, ao meu entender, a ese presidente o poder empregar a forza militar para acceder a un país sen antes dispoñer dunha declaración de guerra contra este, cousa que Trump non fixo e que, ao parecer, pode repetir en contra doutros estados soberanos como Cuba e Colombia.
Panamá e Granada, ambas en territorio centroamericano, coñecen de primeira man o que é verse invadidos polas tropas estadounidenses. Agora, Venezuela. Mañá poden ser as citadas Cuba e Colombia, acusadas -ao igual que Venezuela- por Donald Trump, de narcotráfico. O día menos pensado, o actual presidente de USA podería dictar incursións asimesmo militares en Asia ou África, cousa que non levará a cabo porque carecen da base fundamental: petróleo que poideran explotar empresas estadounidenses.
Donald Trump non é o sherif do mundo, pero actúa coma tal ante o silencio da ONU.




