O Concello de Boiro, xunto coa colaboración de entidades e asociacións culturais do municipio, leva a cabo unha programación de Entroido pensada para todas as idades. O alcalde, José Ramón Romero, a concelleira de Cultura, María Outeiral, presentaron a programación xunto con Alfonso Alcalde, da Comisión de Festas da Boliña; e David Laíño, da asociación local Peñas Boiro AC, xunto con outros membros das entidades.

“As actividades que programamos dende o departamento de cultura están sempre ligadas ás que programan as nosas entidades culturais”, afirmou a concelleira, María Outeiral.
O programa de actividades deste ano comeza o xoves 12 de febreiro coa celebración do Xoves de Abadesas en Cabo de Cruz e continúa o venres en Boiro co Venres de Abadesas, que contará coa actuación da charanga Vai de Baile pola rúa peonil.
O sábado 14 de febreiro a festa e Entroido comezará na Boliña coa XVII Festa da Orella que a Comisión de Festas da Boliña celebra no Campo de Revelar a partir das 19.00 horas. Máis tarde continuará na praza de Galicia coa festa de Entroido de Peñas Boiro AC.
O domingo 15 de febreiro será o día dos mais pequenos co desfile infantil, que sairá ás 17.00 horas da praza da Mancomunidade, ata chegar á praza de Galicia onde terá lugar a festa infantil con DJ Matrek e onde haberá tamén inchábeis e xogos para a rapazada.
O Martes de Entroido celebrarase o tradicional concurso e desfile de disfraces e carrozas que percorrerá as rúas amenizado por unha batucada e rematará na praza de Galicia onde terá lugar a entrega de premios.
A programación do Entroido en Boiro continúa a seguinte fin de semana cos enterros nas parroquias. Como antesala a estas tradicionais tradicións, o xoves 19 de febreiro ás 20.30 horas presentarase no Centro Social de Boiro unha nova edición dos cadernos culturais que nesta ocasión versará sobre os enterros urbanos.
Xa o sábado 21 de febreiro celebrarase o Enterro do Felipiño en Escarabote, e o domingo os enterros do Farruco en Cabo de Cruz, a Cunca en Praia Xardín e o Óso en Abanqueiro.
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, agradeceu ás distintas asociacións o “traballo desinteresado que realizan durante todo o ano para realizar actividades que dinamizan o noso concello” e animou a toda a veciñanza a “desfrutar deste programa de actividades moi completo e para todos os gustos”.




