As mariscadoras de Muros e o voluntariado de Afundación retiraron un total de 385 quilos de lixo mariño nas praias de Cabanas, Area do Medio e O Seixal, nunha xornada de voluntariado ambiental na que participaron máis de vinte persoas. A actividade contou coa colaboración do Concello de Muros, que se encargará da xestión dos residuos recollidos.

Esta acción supón o inicio da sexta edición do proxecto PLANCTON, unha iniciativa de actuación e sensibilización ambiental desenvolvida pola Obra Social de ABANCA en colaboración co sector pesqueiro e marisqueiro, e que foi recoñecida co primeiro premio nacional de Medio Ambiente da CECA.
Os traballos desenvolvéronse entre as 11.00 e as 14.00 horas, con distintos grupos distribuídos polos tres areais. Unha vez finalizadas as tarefas de identificación e clasificación dos residuos, contabilizouse a retirada de numerosos obxectos de uso cotián, como bastonciños dos oídos, xoguetes de praia, cepillos de dentes, chisqueiros, pallas, latas, roupa e calzado.
Tamén se localizaron numerosos residuos vinculados á actividade pesqueira, entre eles 236 tarugos de batea, máis de 150 cordas e cabos, 50 nasas, 4 pneumáticos e arredor de 60 quilos de madeiras tratadas. Resulta especialmente significativa a recollida de 1.895 biosoportes de depuradora, pezas de plástico empregadas no tratamento de augas residuais que proliferan cada vez máis na costa atlántica.

Durante a limpeza apareceron tamén obxectos pouco habituais neste tipo de actuacións, como un valo de separación de carrís, cartuchos de caza, un chaleco salvavidas ou unha pelota de golf.
Esta é a segunda vez que o voluntariado de Afundación actúa no concello de Muros en colaboración coas mariscadoras, despois da limpeza realizada en 2024 na praia de Ventín, na que se retiraron máis de 230 quilos de residuos.
Coa xornada de hoxe, xa son máis de 146 toneladas de lixo mariño retiradas de fondos, praias e costas de Galicia no marco do proxecto PLANCTON, cuxo obxectivo é fomentar hábitos de comportamento respectuosos co medio ambiente e contribuír á conservación dos recursos naturais, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e co compromiso social de ABANCA e Afundación.




