A Ría da Estrela aposta en FITUR polas peregrinacións marítimas como exemplo de tradición, cultura, mar e espiritualidade

22 Xaneiro 2026

A Ría da Estrela (asociación de concellos da ría de Muros e Noia) volve configurarse como destino náutico para a navegación recreativa, polo que na tarde deste xoves 22 de xaneiro presentou en FITUR dúas importantes novidades no seu catálogo de peregrinacións marítimas: a VI Ruta Rías Baixas – Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia e o I Raid Marítimo Baiona-Santiago, un segundo roteiro máis ligado á navegación histórica de mariñeiros como Pietro Querini e a Vía Querinissima.

Un acto presidido por Luis Oujo, presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Municipios do Camino da Ría de Muros Noia, que estivo acompañado por Roberto Ciambetti, presidente da Asociación Vía Querinissima; Belén do Campo, delegada territorial da Xunta na Coruña; Alechu Retolaza, vicepresidente do Monte Real Club de Iates de Baiona; así como polos alcaldes de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son; e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Luís Oujo convidou os presentes a “coñecer a nosa comarca, gozala, amala… Gozar da súa gastronomía, o seu patrimonio, as súas paisaxes e da nosa xente, porque somos un destino que non deixa a ninguén indiferente. Non somos un destino masificado e queremos seguir apostando por un turismo sostible e que creza de forma ordenada. Queremos que os turistas deixen un retorno na comarca, pero queremos tamén coidar a nosa costa, os nosos roteiros, as nosas praias…”. Neste sentido, destacou “a gran potencialidade que teñen tanto as peregrinacións náuticas como a nosa conexión histórica coa Vía Querinissima, que este ano lévanos a medrar cara a Portugal”. Así mesmo, puxo en valor os 2,4 millóns de euros que se están investindo na comarca a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Ría de Muros Noia.

Roberto Ciambetti destacou que a Vía Querinissima “conecta catorce países europeos, séculos de historia común que tamén percorren o Camiño de Muros Noia ata Santiago. Colaborar coa Ría da Estrela e a Asociación do Camiño da Ría de Muros e Noia é unha satisfacción para todos”.

Roteiro Náutico

Pola súa banda, Belén do Campo destacou que a VI Ruta Náutico Rías Baixas-Camiño Ría de Muros Noia é “unha proposta que representa á perfección o que é Galicia e o que Galicia quere ofrecer ao mundo: identidade, historia, cultura, mar e hospitalidade. Falamos dunha experiencia que une o mar e a terra, o esforzo e a espiritualidade, o patrimonio natural e o patrimonio histórico”. Sinalou que “non estamos ante unha recreación simbólica, senón ante un Camiño plenamente recoñecido” xa que “o Camiño de Santiago non foi só camiñado, tamén foi navegado”, destacando que estes itinerarios por mar “devolven ao mar o seu papel como Camiño, como vía cultural e espiritual que conecta cun pasado profundamente europeo” como o da Vía Querinissima.

Finalmente, Alechu Retolaza, destacou que a VI Ruta Rías Baixas-Camino da Ría de Muros Noia “consolidouse como un evento de referencia dentro do calendario náutico nacional tanto pola súa coidada organización como polo seu impacto positivo nos territorios que atravesa”, polo que convidou a outros clubs náuticos a unirse á iniciativa. E é que este percorrido, dixo, “converteuse na peregrinación marítima máis numerosa da historia moderna e na actividade náutica non competitiva con maior número de participantes na Europa atlántica, con 55 embarcacións e máis de 200 tripulantes, un éxito que non supoñerá incrementar o número de embarcacións este ano, co obxectivo de preservar a calidade da experiencia e garantir unha navegación segura e ordenada”.

Novidades

A VI Ruta Náutico Rías Baixas-Camiño de Santiago Ría Muros Noia celebrarase o 29 de xuño ao 4 de xullo, recuperando a tradición histórica dos peregrinos que chegaban a Compostela por mar. Unha experiencia que combina navegación, patrimonio cultural, espiritualidade e tradición mariñeira e que este ano amplíase a terras portuguesas. Con saída desde o Monte Real Club de Iates de Baiona, as embarcacións seguirán un itinerario que inclúe algúns dos enclaves máis emblemáticos da costa galega, con saídas e recaladas en puntos de alto valor paisaxístico como Baiona, as Cíes, a ría de Aldán, Ons, Combarro, a ría de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Muros e o Real Club Náutico de Portosín, antes de iniciar a peregrinación por terra ata Santiago de Compostela.

O segundo roteiro, denominado I Raid Marítimo Baiona-Santiago, celebrarase do 29 de agosto ao 3 de setembro e seguirá unha modalidade máis vinculada á navegación histórica seguida por navegantes como o veneciano Pietro Querini, que no século XV deixou perfectamente documentada unha peregrinación a Compostela dentro dunha viaxe que deu orixe á roteiro cultura europea Vía Querinissima, que vincula a catorce países de Europa.

A diferenza da anterior, neste segundo roteiro as embarcacións non amarrarán nos portos deportivos, senón que fondearán directamente nas augas das rías galegas. Os patróns que así o desexen poderán iniciar a súa navegación no Porto, con reagrupamientos en Esposende e Viana do Castelo, antes de continuar ata o Monte Real Club de Iates de Baiona, desde onde terá lugar a saída oficial.

Nos dous casos, a navegación seguirá o percorrido empregado polos peregrinos que quedou recollido no estudo de historicidade do Camiño da Ría de Muros Noia e que foi valorado polo Arcebispado de Santiago á hora de concederlle a Compostela a aquel peregrino que complete un mínimo de 100 millas náuticas e chegue andando a Compostela.

Un roteiro xacobeo con etapas non demasiado extensas e que permiten camiñar, pararse, contemplar, meditar, interiorizar. Fronte a outros Camiños nos que os peregrinos inician o percorrido ao amencer para chegar canto antes ao destino, o Camiño da Ría de Muros Noia convida o camiñante a gozar dos espazos e das paisaxes, a deterse e visitar monumentos históricos e artísticos. Desde lugares como o Castro de Baroña ou o enclave de Toxosoutos, ata o centro histórico muradán ou o Portus Apostoli noiés.

Éxito das peregrinacións marítimas

Deste xeito, a Ría da Estrela reforza a súa aposta polas peregrinacións marítimas nas súas diferentes modalidades: por libre, coa axuda de asociacións de clubs náuticos, participando en roteiros organizados con embarcación propia, alugando un barco con ou sen patrón, alugando prazas de camarotes… Unha oferta que é posíbel grazas á colaboración das navieiras Sailway e Jules Verne Náutica, da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA) e do Monte Real Club de Iates de Baiona.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.