A Leoria (Asados) critica as rectificacións do Goberno galego respecto do transporte na parroquia

12 Xaneiro 2026

A Asociación A Leoira (Asados, Rianxo) emitiu un comunicado sobre os vindeiros plans da Xunta en materia de transporte público, uns plans que, din, “deixarán á parroquia rianxeira sen servizo”. O comunicado encádrase nun labor de mobilización que xa recadou 550 sinaturas contra o novo plan de transporte público para o Barbanza.

No texto, a asociación considera as rectificacións do Goberno galego “insuficientes”, xa que o panorama será de “menos autobuses a Santiago e ningún ao casco urbano de Rianxo”. Esta, din, foi a resposta da Xunta ás alegacións que a veciñanza de Asados presentou contra o novo plan de transporte para a comarca barbancesa.

A Asociación A Leoira insiste en que “o novo proxecto non só debe manter o servizo, senón melloralo”.

Engaden que “corría o mes de outubro cando o novo plan de transporte para o Barbanza ideado pola Dirección Xeral de Mobilidade chegaba ao seu período de información pública” e que “foi entón cando saltaron as alarmas: o proxecto eliminaba toda conexión da parroquia rianxeira de Asados coas capitais comarcal e autonómica, polo que a veciñanza de Asados mobilizouse presentando unha alegación con 5 seccións, que agora tivo resposta”.

Cinco puntos

No primeiro apartado exixíase o mantemento das conexións actuais coas frecuencias vixentes “e a Xunta propón agora unha ruta Ponte de Té – Santiago, con 5 servizos de ida e 4 de volta”, sinalan dende a asociación, engadindo que “se ben manteríase o número de conexións con Compostela que circulan por lugares como A Atalaia ou Asadelos, non se menciona ningunha ruta que logo de pasar por Burés continúe pola veciña parroquia do Araño, como fan a día de hoxe 14 autobuses diarios”.

Critican que na retificación do primeiro punto “reitérase ademais na desconexión co casco urbano de Rianxo ou calquera outra vila da Barbanza”.

O segundo punto das alegacións solicitaba o aumento de frecuencias en determinadas franxas horarias. Respecto deste apartado, a asociación sinala que “a manobra da Dirección Xeral no seu novo plan é incluír frecuencias en horas aproximadas ás solicitadas, pero sen aumentar o número de autobuses diarios”.

Iso si, desde A Leoira agradecen que se tivesen en conta dentro das modificacións do plan os requirimentos que presentaban nos puntos 3 e 4: a inclusión nas rutas da marquesiña da Barraca e a corrección dos nomes das paradas xa existentes. 

Porén, lamentan que na resposta institucional “se ignore o quinto e máis importante dos puntos”. Neste recriminaban que a documentación presentada pola Xunta no período de información pública non respectaba a lei de transparencia e bo goberno. “O formato dos documentos imposibilitaba a selección, a busca e a reutilización da información, dificultaba a análise dos datos e o exercicio dos dereitos dos cidadáns”, explican, engadindo que “por todo isto solicitábase a apertura dun novo período de exposición á cidadanía, mais a resposta da Dirección Xeral non menciona nada ao respecto.”  

Transporte digno

Desde A Leoira solicitan de novo que “se teñan en conta todas as súas reclamacións”. Indican que “as alegacións foron froito da diagnose das necesidades reais da veciñanza para contar cun servizo público de transporte digno. Reiteran a necesidade dun novo período de exposición pública que cumpra todos os requirimentos legais.” 

Indican que tomarán “todas as accións que posibilite o procedemento administrativo”. Queren asegurar así que “o proxecto responde ás necesidades reais da veciñanza e non a un encaixe das contas de resultado da empresa que preste o servizo”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.