
A provincia da Coruña será protagonista da terceira etapa de O Gran Camiño 2026, que unirá dúas localidades de enorme tradición e peso no ciclismo galego, Carballo e Padrón, “cun percorrido que volverá situar o territorio coruñés no foco do ciclismo internacional”, segundo informou a organización da cita deportivo-turística.
O anuncio realizouse este venres 16 de xaneiro nun acto celebrado na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, no que se puxo de manifesto, un ano máis, a firme aposta da Deputación da Coruña por esta proba deportiva de referencia, que conta co financiamento e o respaldo institucional da Administración provincial.
O director da proba e CEO de EME Sports, Ezequiel Mosquera, destacou que será o 16 de abril cando o pelotón internacional, con algúns dos mellores corredores do mundo, circule polas estradas coruñesas nunha etapa que cualificou como “un orgullo”, ao conectar dous municipios cunha fonda vinculación histórica co ciclismo.
Mosquera subliñou a tradición ciclista de Carballo, cun forte tecido asociativo e unha gran base social, así como o papel de Padrón como referente neste deporte, cun club e patrocinadores de primeiro nivel. “Padrón respira ciclismo polos catro costados”, sinalou, recoñecendo que a chegada da etapa a esta vila salda unha débeda pendente da proba coa súa historia deportiva.
Ademais, destacou que O Gran Camiño é moito máis ca unha carreira, xa que combina deporte, promoción do territorio, identidade cultural e historia, cunha clara vinculación ao Camiño de Santiago e á proxección internacional de Galicia.
No acto participaron os alcaldes de Carballo, Daniel López, e de Padrón, Anxo Rei; o concelleiro de Deportes do Concello de Padrón; e o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, en representación da Deputación da Coruña.
O alcalde de Carballo puxo en valor a “potente afección ciclista” do municipio e sinalou que esta etapa supón un recoñecemento ao traballo diario de clubs, deportistas e persoas vencelladas a este deporte.
Pola súa banda, Anxo Rei destacou que Padrón acollerá este ano “catro grandes probas ciclistas en apenas dous meses” e definiu a vila como “un pobo que leva o ciclismo no seu ADN”, eloxiando tamén a colaboración entre administracións para facer posible unha proba da categoría de O Gran Camiño.
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, foi o encargado de pechar o acto, destacando que a presentación desta etapa é “un día festivo non só para Carballo e Padrón, senón para toda a provincia da Coruña”, que volverá amosar os seus atractivos a nivel mundial grazas a unha proba deportiva de primeiro nivel.





