A Asociación Iberoamericana de Xornalistas entrega o XXI Premio AIPET a Alberto Barciela

16 Xaneiro 2026

É o segundo galardón que recibirá o xornalista galego con motivo de FITUR 2026

A Asociación Iberoamericana de Xornalistas Especializados en Turismo (AIPET) anunciou oficialmente a concesión do XXI Premio AIPET ao xornalista e escritor galego Alberto Barciela, colaborador de O Barbanza, en recoñecemento a unha traxectoria profesional de máis de catro décadas dedicada ao xornalismo turístico, a comunicación estratéxica e a proxección internacional dos territorios.

Trátase do segundo premio que recibirá Barciela no marco de FITUR 2026. O galardón será entregado o vindeiro martes, 20 de xaneiro, durante a celebración da Conferencia de Ministros Iberoamericanos de Turismo (CIMET), acto que tradicionalmente serve de antesala á Feira Internacional de Turismo, que se celebrará en IFEMA Madrid.

O xurado do Premio AIPET destacou o compromiso constante do xornalista redondelano —membro da Mesa do Turismo de España— cun modelo de turismo responsable, innovador e sostible, así como a súa capacidade para tecer redes de colaboración entre Europa e América. Segundo o fallo, a súa figura transcende a crónica xornalística para situarse no ámbito da xestión estratéxica do sector, sendo determinante na proxección das marcas “Galicia” e “España” a través de iniciativas de cohesión cultural e económica.

Como vicepresidente de EditoRed, Alberto Barciela colidera unha rede que agrupa a máis de 60 directores de medios de comunicación de Europa e América Latina, cunha audiencia estimada de 470 millóns de persoas en 30 países. Desde esta plataforma impúlsase un fluxo informativo centrado na sustentabilidade, o intercambio cultural e o valor social do turismo. En marzo de 2026 dirixirá por sexta vez o Congreso de Editores EDITORED, que celebrará a súa novena edición en Alcalá de Henares, tras desenvolverse anteriormente en países como Chile, Colombia, Alemaña, Bélxica e España, nun encontro concibido como homenaxe ao idioma español.

A traxectoria de Barciela inclúe tamén a dirección de foros de alto nivel, como o celebrado no Parlamento Europeo baixo o título O sector turístico dinamizador dunha recuperación sostible, ou a súa participación no I Foro Económico de Panamá. No ámbito radiofónico, foi unha das voces de referencia do programa Xente Viaxeira en Onda Cero, xunto á xornalista Esther Eiros, contribuíndo á formación dunha conciencia viaxeira baseada no respecto ao patrimonio e a diversidade cultural. Na actualidade, continúa analizando as tendencias dos mercados turísticos nacionais e internacionais desde distintas emisoras.

O seu perfil profesional está estreitamente ligado á comunicación institucional e á innovación tecnolóxica. Como director do Gabinete de Comunicación do presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, foi unha das figuras crave na revitalización dos Camiños de Santiago e na consolidación do Xacobeo como un fenómeno global, convertido en motor de desenvolvemento sostible e de encontro intercultural.

Así mesmo, o seu labor na CRTVG, a posta en marcha dos primeiros medios dixitais públicos, ou a súa participación no lanzamento de marcas como “Galicia Calidade” e proxectos expositivos como Galicia, Terra Única evidencian, segundo o xurado, “a súa capacidade para transformar a identidade dun territorio nun activo turístico de primeira orde, sempre desde o rigor profesional e a sensibilidade cara ás realidades locais”.

Este recoñecemento súmase á Medalla do Coñecemento Turístico, concedida tamén esta semana a Alberto Barciela e que será entregada durante a celebración de Nexotur 2026, evento dedicado á excelencia no saber e a difusión turística, que terá lugar no auditorio da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. Con motivo de ambos os recoñecementos, a presidenta de AIPET, Olga Bohera, trasladou publicamente a súa felicitación ao xornalista galego por unha traxectoria que segue sendo referente para as novas xeracións do xornalismo especializado.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

“Barbacid, un científico pidiendo” – José Castro López

El cáncer de páncreas es una de las enfermedades más letales de su género y avanzar en su curación no es solo un éxito científico, es una esperanza tangible para miles de personas. Por eso, la investigación biomédica no es un lujo ni un capricho, es una inversión...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.