
A agrupación UCIN Galicia emitiu un comunicado no que di que o Concello de Rois vive “unha situación de abandono prolongado en servizos e infraestruturas como consecuencia”, asegura, “da falta de xestión e planificación do Goberno municipal ao longo dos últimos anos”. Segundo UCIN Galicia, “as reclamacións veciñais multiplícanse en distintas parroquias do municipio sen que se produzan respostas eficaces por parte do Concello”. Entre as principais deficiencias sinaladas atópanse “o mal estado das estradas e camiños municipais, a falta de mantemento do alumeado público, carencias no saneamento e no abastecemento de auga, así como unha atención insuficiente aos servizos sociais, culturais e deportivos”, informa a agrupación.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, asegura que “Rois leva anos sobrevivindo a base de promesas incumpridas e anuncios sen contido real. A veciñanza está cansa de escoitar proxectos que nunca se executan mentres o municipio perde calidade de vida e oportunidades de futuro”.
Desde UCIN Galicia di tamén que no Goberno municipal hai “escasa transparencia e falta de diálogo cos veciños e veciñas”.
A formación política considera que “existen parroquias esquecidas, especialmente no rural, onde os veciños se senten desatendidos e sen unha presenza real da administración local. Hai núcleos que levan anos reclamando melloras básicas sen obter resposta”, engade o coordinador autonómico.
UCIN Galicia fai un chamamento urxente ao Goberno municipal de Rois para que “abandone a política de propaganda e presente un plan real, con prazos e investimentos concretos, que dea resposta ás necesidades da veciñanza”.



