Santiago celebra catro décadas como referente mundial do patrimonio

05 Decembro 2025

O Salón Vermello do Pazo de Raxoi acolleu este venres o acto institucional polo 40º aniversario da declaración de Santiago de Compostela como Patrimonio Mundial da Humanidade, un recoñecemento outorgado pola UNESCO o 5 de decembro de 1985 en atención ao seu valor histórico, artístico e cultural. A cerimonia estivo presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e contou coa presenza de representantes da Xunta, do Goberno central e de antigos rexedores da cidade, entre eles Xerardo Estévez, alcalde no momento da declaración; Xosé Antón Sánchez Bugallo, Agustín Hernández e Martiño Noriega.

“Un patrimonio que vibra na voz da cidadanía”

Na súa intervención, Sanmartín destacou que o patrimonio “debe vibrar na voz e nos recordos da cidadanía” e apelou a un modelo de cidade que preserve a súa autenticidade, o tecido social e comercial, e o equilibrio entre o turismo e a vida cotiá. Enumerou varios retos de futuro: a loita contra a emerxencia climática, a mellora da habitabilidade, o dereito ao descanso dos veciños e o reforzo do orzamento do Consorcio de Santiago, ferramenta fundamental para a conservación do patrimonio.

A alcaldesa defendeu unha Compostela “pensada para quen a habita”, convencida de que “o que é bo para quen reside tamén o será para quen visita”. O seu discurso incluíu referencias culturais e emocionais a figuras clave do patrimonio intelectual galego, como Rosalía de Castro, Castelao, Díaz Pardo, Valle-Inclán, Carvalho Calero, Roberto Vidal Bolaño ou Fran Pérez “Narf”.

Vivenda, poboación e proxectos que transformarán a cidade

Sanmartín destacou o avance na recuperación da poboación na cidade histórica —que medrou un 26 % desde 1996— e avanzou que o Conector Central, cuxo concurso internacional está en marcha, marcará “un antes e un despois” na conexión entre o casco histórico e a zona nova, priorizando o espazo para as persoas.

En materia de vivenda, defendeu a activación de políticas para rehabilitar edificios en ruínas e lembrou que o Concello sacou por primeira vez a subasta pública inmobles do Rexistro de Soares, un deles xa con novo uso en camiño. Tamén salientou iniciativas como a campaña “Fráxil” e as actividades da Semana do Patrimonio, incluíndo o itinerario especial “Santiago Patrimonio Mundial”.

O Consorcio, pilar da rehabilitación

A rexedora reivindicou o papel fundamental do Consorcio de Santiago, baseado na cooperación entre o Estado, a Xunta e o Concello, e pediu manter a “cultura do consenso” na preservación da cidade histórica. Ademais, puxo en valor o labor da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.

No eido cultural, celebrou o 30º aniversario da Real Filharmonía de Galicia, que se cumprirá en 2026, e o traballo da Escola de Altos Estudos Musicais.

“As cidades históricas son pensamento”

Despois da actuación inicial da arpista bretoa Bleuenn Le Friec, tomou a palabra o exalcalde Xerardo Estévez, quen lembrou que “as cidades históricas son filosofía, son pensamento” e que a súa xestión debe basearse no coñecemento sociolóxico. Definiu a cidade histórica como “un lugar do amor” e evocou a unanimidade política coa que o Concello afrontou o proceso de declaración en 1985. Tamén apuntou ao Xacobeo 2027 como unha nova oportunidade de proxección internacional.

Recoñecemento institucional e peso do turismo

Representantes de todos os grupos municipais leron unha declaración institucional na que puxeron en valor o papel da UNESCO e os retos aínda pendentes para manter unha cidade histórica viva e sostible.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, subliñou a influencia decisiva de Compostela na configuración de Europa desde a Idade Media e destacou o impacto do turismo, lembrando que neste ano xa se contabilizaron máis de 528.000 peregrinos.

Pola súa banda, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, puxo o foco na “universalidade” de Santiago e reafirmou o compromiso estatal con investimentos en infraestruturas, rehabilitación de vivenda, monumentos e proxectos estratéxicos. “Seguiremos traballando por un Santiago verde, monumental e, sobre todo, habitable”, afirmou.

O acto concluíu de novo coa música de Bleuenn Le Friec, que interpretou unha suite de pezas galegas.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...