O Monte do Gozo acolleu esta fin de semana o Encontro de Embaixadas do XI Ciclo de Diálogo Xuvenil, organizado polo Consello da Xuventude de España (CJE). Mozos e mozas chegados de todas as comunidades autónomas participaron como representantes das principais asociacións xuvenís das súas provincias.

Entre as entidades presentes atopábanse o Sindicato de Estudantes, Equipo Europa, RUGE Xuventude UGT, os Scouts, a Asociación Xovens da Rexión de Murcia e outras organizacións que colaboran habitualmente nos procesos de participación xuvenil. As enquisas correspondentes ao programa Diálogo Xoven foron elaboradas por traballadores xuvenís especializados.
As sesións de traballo incluíron espazos de debate sobre asuntos europeos de actualidade, con especial atención ao orzamento comunitario e ao impacto da coordinación entre o financiamento e a administración do programa Erasmus+ e o Consello Europeo de Solidariedade (CES), unha combinación que segundo os participantes está a xerar disrupción no funcionamento habitual destes programas.
Diálogo político e cuestións pendentes
Na xornada do domingo, as embaixadas xuvenís mantiveron un encontro con representantes institucionais, entre eles o secretario de Estado de Infancia e Xuventude e a concelleira de Servizos Sociais e Economía do Concello de Santiago de Compostela. Porén, algunhas preguntas formuladas polos asistentes —como as referentes ás carencias das políticas contra a pobreza infantil, que situaron España como o país con maior taxa de pobreza xuvenil da UE— quedaron sen resposta por parte da delegación institucional.
A mocidade europea, no centro do debate
Paralelamente, o Consello Europeo da Xuventude presentou oito recomendacións clave para o próximo período do programa Erasmus+ (2028-2034), co fin de reforzar a participación xuvenil e mellorar o impacto das políticas europeas nesta franxa de poboación. Entre os obxectivos destacan:
- Incrementar ao 15 % o orzamento destinado ao capítulo de mocidade.
- Garantir a distribución de subvencións antes dos períodos de mobilidade.
- Crear un espazo específico para o voluntariado e a solidariedade xuvenil.
- Enfrontar os desafíos externos que afectan ás novas xeracións.
- Establecer unha vía de financiamento para habilidades sociais e cívicas.
- Simplificar os procesos de solicitude e xustificación das axudas.
- Promover a preparación, a resiliencia e os procesos de paz.
- Incorporar unha sección de mocidade propia dentro de Erasmus+.
Segundo o CJE, estas medidas son fundamentais para asegurar oportunidades de participación, aprendizaxe e crecemento persoal para os mozos e mozas europeos, así como para fortalecer o seu papel na construción dun proxecto europeo máis inclusivo e sólido.
Luís Pérez Crujeiras



