
Juan Caballero (texto e imaxe). O Real Club Náutico Portosín pecha este sábado a súa gran tempada de competición e faio cunha gran festa deportiva na que, na parte vespertina do día entregaranse os premios aos mellores clasificados en cada categoría multiclase no ámbito da vela, así como os galardóns aos campións e modalidades como botes a remo, pesca e mus.
A xornada deportiva, que comezará cedo na auga, estará dedicada nestas primeiras horas da mañá ás Clases de Vela Lixeira das que o club do Son especializouse ao longo destes anos, como son o Optimist (vela basee e infantil individual), 420 (clase dobre xuvenil), ILCA (as tres categorías 4, 6 e 7 individuais) e o Wingfoil (individual e da que o RCN Portosín foi pioneira en Galicia), incorporadas todas elas ao Memorial Alejandra Fernández – Trofeo GADIS, así como, a partir das 12 do mediodía, súmanse os Cruceiros na Regata RCN Portosín – Trofeo REPSOL, para realizar un trazado costeiro polo interior da ría de Muros e Noia dunhas 15 millas náuticas, aproximadamente.
Durante a entrega de premios, que se celebrará a media tarde, tamén serán recoñecidas persoas e institucións que fan posibel a vida social e deportiva do club de Portosín.
A XXII Regata Ría de Muros e Noia, a XXII Regata RCN Portosín, así como a Clasificación Anual REPSOL son os galardóns cuxos destinatarios e gañadoras daranse a coñecer ao longo da xornada festiva na súa sede social.
Dáse a circunstancia de que o Real Club Náutico Portosín é a entidade galega que pecha o calendario oficial de competición da Real Federación Galega de Vela, sendo o primeiro en abrilo cada ano.
O Real Club Náutico Portosín goza dunha boa escola de vela lixeira e dunha ampla frota da Clase Cruceiro fieis, practicamente todas as fins de semana, a navegar nas regatas sociais e nas de Alto Nivel, das que o Club foi sempre precursor.



