O Concello de Boiro e a Asociación Boirense de Empresas (ABE) programan un Nadal cheo de actividades

09 Decembro 2025

O Concello de Boiro e a Asociación Boirense de Empresas levan a cabo unha gran proposta lúdica para o Nadal pensada para os mais pequenos e para incentivar as compras. A concelleira de Cultura, María Outeiral, presentou a programación xunto co presidente da ABE, Daniel García.

Dende o departamento de Cultura do Concello de Boiro prográmanse para todo o Nadal actividades pensadas para os mais cativos, que se conxugan con espectáculos teatrais e propostas das entidades culturais do municipio.

A programación comeza este venres 12 de decembro co espectáculo Chegar e encher de Inventi Teatro no Centro Social de Abanqueiro, a mostra da Camelia os días 13 e 14 de decembro, o espectáculo de Paco Nogueiras o domingo no local multiusos do Mercado Municipal ás 17.30 horas e os festivais da Asociación Cultural de Abanqueiro e Xilbarbeira.

O sábado 20 de decembro haberá un espectáculo infantil de maxia con Dani García no local multiusos do mercado municipal e o 21 de decembro festival de Nadal de Cen Pliés. Para o venres 26, espectáculo infantil de Charo Pita; o sábado 27, espectáculo de Luis Vallecillo e o domingo 28 festival de Nadal de Aroña.

O luns 29 de decembro haberá na praza de Galicia, un espectáculo familiar de Fredi e o martes 30 concerto de Versionettes. A programación do Nadal continúa en xaneiro coa visita das Raíñas Magas ás parroquias, o domingo día 4 e a tradicional Cabalgata de Reis o luns día 5.

Esta programación complementase coas propostas que leva a cabo a ABE no marco da campaña Boiro, corazón do Nadal que se vai desenvolver entre o 10 de decembro e o 3 de xaneiro. “Trátase dunha das campañas máis importantes do ano para o tecido empresarial boirense, na que a ABE aposta por accións que combinan promoción comercial, participación cidadá e iniciativas de carácter social”, afirmou o presidente da ABE, Daniel García.

Este ano a ABE incorpora unha das grandes novidades da campaña: un parque infantil temático, que estará activo os días 22 e 23 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, de 16:30 a 20:30 h, no Polideportivo da Cachada. O espazo contará con zona de inchábeis, música e photocall, unha zona infantil con xogos, buzón real e sorteo de 3 festas de aniversario valoradas en 100€ cada unha entre as cartas; recepción de Papá Noel o martes 23 as crianzas poderán facerse unha foto con el e recibirán un cono de chuches totalmente de balde e sen ter que presentar convite; obradoiros infantís en colaboración con entidades sociais: AGADEA, Amicos e Cruz Vermella Boiro; e degustacións de flocos de millo, chocolatada e doces.

O acceso ao recinto será libre e gratuíto, aínda que para desfrutar dos inchábeis e as degustacións será preciso presentar os convites distribuídos polos negocios asociados. A recepción de Papa Noel e as actividades de carácter solidario, como os obradoiros das entidades, terán acceso libre para todas as familias.

Os días 29 e 30 de decembro, as rúas e negocios de Boiro recibirán as visitas do Elfo e do Paxe Real, que realizarán reparto de bolsas de lambetadas e animarán as compras nos establecementos.

A campaña fará fincapé nos aguinaldos empresariais, unha ferramenta que permite ás empresas agasallar ao seu persoal con bonos ABE, válidos para mercar en máis de 200 negocios locais. Trátase dunha opción que reforza o consumo no comercio de proximidade e que, ademais, “ofrece total flexibilidade para os traballadores, que poden usar os bonos durante todo o ano como unha tarxeta agasallo”, explicaron.

Entre as primeiras accións da campaña, a ABE inicia o reparto das tradicionais axendas e dunha das novidades máis destacadas: o Calendario de Parede 2026, ilustrado por Andrés Camilo Noal, alumno do obradoiro de pintura da artista e empresaria asociada Paola García Paz. A ABE quere “poñer en valor a creatividade local, destacando a sua calidade e talento, convertendo esta peza nun elemento único”. Xunto a isto, os negocios recibirán tamén a bolsa especial da campaña.

Tanto a bolsa como o calendario formarán parte dos 500 agasallos directos que se entregarán aos primeiros clientes que participen na campaña.

O tradicional sorteo de Nadal volve ser un dos grandes atractivos da campaña. Os clientes que merquen nos negocios asociados entre o 10 de decembro e o 3 de xaneiro poderán trocar os seus tíckets por rifas nos puntos habilitados, a razón de 1 rifa por cada 10 € de compra (máx. 5 rifas por tícket).

Os puntos de troco estarán situados diante do Mercado Municipal os días 16 e 19 de decembro de 11:30 a 13:30 horas; no Polideportivo da Cachada os días 22 e 23 de decembro de 16:30–20:30 horas e os días 2 e 3 de xaneiro de 16:30–20:30 horas.

Entre todos os participantes sortearanse 3 premios de 1.000 € en vales de compra, nun acto presencial que terá lugar o 3 de xaneiro ás 21:00 h no Polideportivo da Cachada. Os 500 primeiros clientes que cambien tíckets por rifas recibirán un agasallo directo (200 primeiros calendario de parede e os 300 seguintes, bolsa de nadal exclusiva da campaña)

A campaña destaca tamén pola súa vertente solidaria, coa participación activa de entidades como AGADEA, Amicos e Cruz Vermella Boiro, que ofrecerán talleres infantís no Polideportivo da Cachada. Con esta colaboración, a ABE reforza o seu compromiso social e a integración de iniciativas que favorecen a participación de toda a comunidade.

Ademais, durante todo o Nadal a ABE realizará sorteos continuados, tanto a través da aplicación de fidelización da entidade como nas redes sociais.

No arranque da campaña sortearanse 5 lotes de agasallos compostos por axenda, calendario, bolsa e lote de invitacións para o parque infantil entre os rexistros realizados na web entre o 10 e o 14 de decembro.

Os mais de 5.000 usuarios poderán seguir acumulando puntos coas súas compras en calquera negocio adherido, podendo trocar esas puntuacións polos agasallos do catálogo vixente durante toda a campaña de Nadal.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...