
O Concello de Boiro dá comezo ao Nadal este venres 5 de decembro co acendido das luces e a máis a celebración da cuarta IV Gala da Cultura Solidaria. A concelleira de Cultura, María Outeiral, presentou este luns 1 de decembro os actos xunto con The Cuncas, Cáritas e Daniela e a súa nai.
A IV Gala da Cultura Solidaria comezará a partir das 17.00 horas na praza de Galicia e contará coas actuacións da Escola de Música de Boiro, o grupo Vértigo, grupo Dafoe, DJ Matrek e The Cuncas. “Con esta festa da cultura solidaria o que queremos é transmitir que esa solidariedade do Nadal se debe estender durante todo o ano”, afirmou Manu Sobral.
Colaboran nesta actividade ademais do Concello de Boiro e The Cuncas, Turbina e Cáritas xa que os alimentos recadados son para a entidade. “A entrada é gratuíta pero toda a colaboración con alimentos, especialmente alimentos para os almorzos e merendas, será para que Cáritas aporte ás familias máis vulnerables do municipio”, afirmou Elias Romero.
Ademais da IV Gala da Cultura Solidaria, o venres 5 de decembro vaise levar a cabo o acendido das luces de Nadal, que este ano vai facer Daniela, unha nena de Boiro que ten unha “enfermidade rara que non ten nome e que non lle permite falar nin andar polo que vai precisar sempre axuda para todo”, recoñeceu Maria, nai de Daniela.
“O Nadal é a época máis solidaria do ano e o que buscamos sempre co acendido é colaborar cunha causa ou unha entidade co obxectivo de darlle visibilidade”, recoñeceu María Outeiral. Ademais do prendido das luces, todo o recadado co chocolate con churros que Turbina servirá durante a tarde será para a familia de Daniela, para poder costear os tratamentos e desprazamentos que ten que realizar.



