O BNG urxe “medidas inmediatas” para atallar a situación crítica da sanidade pública en Ribeira e Aguiño

11 Decembro 2025

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego en Ribeira, Luís Pérez Barral, compareceu na mañá deste 11 de decembro, acompañado do responsábel local, concelleiras e militantes do BNG, para alertar da “situación crítica” que atravesan os centros de saúde de Ribeira e Aguiño por falta de persoal médico, e para reclamar á Consellería de Sanidade “unha resposta inmediata ás necesidades da veciñanza”.

Pérez Barral lembrou que, unha semana máis, o BNG súmase ás mobilizacións cidadás fronte aos centros de saúde. “Dende o Bloque imos estar sempre ao lado da veciñanza denunciando como a Consellería de Sanidade non está atendendo as peticións de Ribeira para dotar de médicos os centros de saúde do municipio”, afirmou.

Aguiño “sen facultativos”

O portavoz subliñou a gravidade da situación en Aguiño. “A situación é especialmente alarmante no caso de Aguiño, onde os dous únicos facultativos que ten o seu centro de saúde non teñen ningún en activo e, por tanto, os veciños e veciñas carecen de atención sanitaria durante todo o mes de decembro”. Advertiu ademais de que esta carencia se produce “en épocas de especial incidencia da gripe, onde os centros de saúde rexistran unha afluencia maior de doentes chegando ao punto de estar ateigados ou tendo que acudir a urxencias do punto de atención continuada de Ribeira ou ás urxencias do Hospital da Barbanza”.

Veciñanza mobilizada e médicos que “foxen de condicións precarias”

O exalcalde ribeirense destacou a perseveranza da cidadanía, que leva meses mobilizándose semanalmente. “Dende hai moitos meses a veciñanza de Ribeira estase manifestando semanalmente nos centros de saúde tanto de Ribeira como de Aguiño para demandar algo que lles pertence como dereito, que é unha atención sanitaria básica para toda a poboación”.

Criticou que, lonxe de atender estas peticións “o Goberno galego, en mans do PP, responda rexeitando propostas de mellora”. E engadiu: “O Executivo autonómico non está atendendo as peticións que lle fai a propia veciñanza ou os profesionais, e por riba vota en contra de iniciativas como as do Bloque Nacionalista Galego con emendas aos orzamentos da Xunta para 2026, coa finalidade de dotar de médicos suficientes os centros de saúde da Barbanza”.

Sobre a falta de profesionais alegada pola Xunta, Pérez Barral comentou: “É falso o que di o conselleiro de Sanidade cando afirma que non hai profesionais sanitarios”. Apuntou que “só na área sanitaria de Compostela, entre 2023 e 2025, remataron o MIR 65 médicos dos que tan só 17 quedaron en Atención Primaria por mor das malas condicións que padecen con contratos por horas, gardas obrigatorias, etc. Polo tanto, médicos hainos o que pasa é que foxen desas condicións precarias e dunha saturación de pacientes por cada profesional sanitario”.

Críticas ao Goberno municipal do PP por “abandonar á veciñanza”

O portavoz nacionalista tamén se referiu ao papel do novo Goberno municipal: “Dende Ribeira, os veciños e veciñas que se concentran cada semana están facéndoo sen a axuda do Goberno municipal, unha cuestión ben diferente a cando nós estabamos gobernando, que eu como alcalde si baixaba ás concentracións e defendía os veciños e veciñas por riba de siglas partidistas”.

Pérez Barral sostivo ademais que a rexedora “mentía cando dicía que non acudía porque tiña traballo pero agora vese claramente que prefire darlles as costas aos veciños e veciñas de Ribeira para defender os intereses do Partido Popular. Entre Partido Popular e veciñanza, a alcaldesa, María Sampedro, escolle sempre os intereses do Partido Popular”.

Concluíu deste xeito: “Ante toda esta situación, dende o BNG volveremos levar ao Parlamento novas iniciativas para esixir a dotación inmediata de persoal médico nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño. Comprometémonos, ademais, a seguir ao lado da veciñanza, apoiando as mobilizacións e defendendo o seu dereito a unha sanidade pública digna e de calidade”.

Outros artigos

Medio Rural dá por extinguido o incendio de Ribasieira

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou extinguido ás 19,11 horas de hoxe, xoves 24 de setembro. Como lembraremos, o lume iniciouse ás 14,42 horas do pasado luns e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.