O Bloque Nacionalista Galego emitiu un comunicado no que lamenta o que considera “un veto total do Partido Popular a todas as emendas presentadas polos grupos da oposición aos Orzamentos da Xunta para o ano 2026, unhas contas que ignoran as necesidades da veciñanza”.
O voceiro municipal do BNG, Luís Pérez Barral, cualificou a actitude do PP como “un exercicio de soberbia e reflicte a actitude dun goberno estancado que non pensa nas necesidades da xente”. Engadiu que “o PP confunde a maioría absoluta co absolutismo ao votar non a todo, mesmo a propostas asumíbeis que buscaban mellorar a sanidade, a educación, a vivenda ou o desenvolvemento económico de Ribeira”, sinalou Pérez Barral.

O ex alcalde sinalou que entre as emendas rexeitadas atópanse “actuacións fundamentais como a dotación de persoal sanitario suficiente nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño que garantan a calidade asistencial e resolvan a saturación e as demoras de semanas que sofre a atención primaria no municipio”. Pérez Barral dixo que tamén “foi vetada” a “proposta de financiar o novo polígono industrial de Ribeira, cun investimento de alomenos 3 millóns de euros, clave para atraer actividade económica, crear emprego e ofrecer solo industrial ás empresas”.
No comunicado a agrupación que o PP, no ámbito social, “negouse a apoiar a construción de vivenda protexida, así como a construción dunha escola infantil pública, medidas imprescindibles para facilitar a conciliación e garantir o dereito á vivenda, especialmente para a xente nova”. Ademais, engadiron, “a Xunta rexeitou os investimentos en materia educativa necesarios para reformas integrais nos colexios do Grupo, Olveira e no IES Nº1, centros que precisan actuacións urxentes para garantir unhas condicións dignas para alumnado e profesorado.
No comunicado apuntan tamén a que outra das súas propostas é a consignación orzamentaria necesaria para que se comece a construír a residencia pública das Saíñas, unha infraestrutura que permitirá atender ás persoas maiores. “Dende aquí deixamos claro que imos seguir traballando para que Ribeira conte con esa residencia pública”, explicou o ex rexedor, sinalando que tamén foi vetada outra achega presentada polo BNG como a mellora do mantemento dos portos de Ribeira, cunha partida de 150.000 euros, esencial para a seguridade e a actividade marítima e outra dirixida a conservación, educación ambiental e compra de parcelas no Parque Natural de Corrubedo, cun investimento previsto de 150.000 euros.
Desde o BNG tamén se critica duramente “o silencio cómplice do Goberno municipal de Ribeira, gobernado polo PP, que non foi quen de esixir á Xunta un trato xusto para o municipio”. E engaden: “Resulta indignante que o Goberno ribeirense cale ante esta discriminación. A señora Sampedro demostra, unha vez máis, que ante un trato claramente inxusto do PP cara a Ribeira opta polo silencio e pola submisión, actuando como defensora dos intereses do Partido Popular en lugar de defender os da veciñanza”, concluíu o voceiro nacionalista.
Dende o BNG salientan que “van continuar defendendo propostas útiles, realistas e necesarias para mellorar a calidade de vida das persoas, fronte a un PP que, unha vez máis, demostra que Ribeira non está entre as súas prioridades”.



