Mares da Fin do Mundo espertou o pensamento crítico da rapazada de Rianxo na súa segunda xornada

12 Decembro 2025

A segunda xornada da VIII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, celebrada este xoves 11 de decembro, comezou ás 11:00 h coa estrea, por primeira vez na Mostra, da Sección Infantil na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo. Pensada para os máis novos e aberta ao público en xeral, este programa “busca espertar curiosidade e pensamento crítico ao redor do cinema documental mantendo a esencia da Mostra”.

Nesta primeira sesión os alumnos de primaria do CEIP Castelao de Rianxo e do CEIP Ana María Diéguez de Taragoña puideron ver cinco filmes. Crab Day, de Ross Stringer (Reino Unido, 2023), narra o ritual dunha comunidade pesqueira, no que un neno debe matar o seu primeiro cangrexo para converterse en home e gañar a aprobación do seu pai. No filme Le tunnel de la nuit, de Annechien Strouven (Bélxica/Francia, 2024), dous nenos de diferentes partes do mundo coñécense despois de cavar un túnel na praia e escavar o seu camiño ata o Polo Norte, onde descobren unha maneira máxica de volver á casa. Seu Vô e a Baleira, de Mariana Elisabetsky (Brasil, 2025), conta como Mundinho, tras perder ao seu avó, atopa a balea da que sempre falaba o vello pescador, e coa que reflexiona sobre a súa perda. Pola súa banda, Soc aigua, de Roser Cusó (España, Cataluña, 2025), somérxenos nos problemas derivados da falta de auga durante a viaxe dunha nena que sofre as consecuencias da seca. The Coromandel Fishers, de Aithihya Ashok Kumar (India, 2025), inspirada no poema de Sarojini Naidu, pon o foco nos recordos dun neno dun pobo pesqueiro desprazado do seu fogar e na desaparición do seu medio de vida.

Xa pola tarde, deu inicio a proxección dos primeiros filmes participantes na Competición Oficial, na que este ano concorren un total de dezasete títulos de dezaseis nacionalidades diferentes e falados en múltiples linguas (con subtítulos en galego). Nesta xornada, o público puido ver un total de sete obras, divididas en dous bloques. No primeiro bloque da Competición Oficial proxectáronse tres documentais, comezando con Pie Dan Lo, de Kim Yip Tong (Mauricio/Francia, 2024), unha obra que documenta o peor desastre ecolóxico de Mauricio, cando o 25 de xullo de 2020 o buque MV Wakashio encallou nun arrecife da costa leste co posterior derrame de petróleo. A continuación, foi a quenda de The Sea of Dirak, de Niklas Lipski (Alemaña, 2024), que pon o foco na canle de refugallos da antiga central nuclear de Lubmin, en Alemaña, onde seguen a traballar algúns pescadores que buscan manter o seu ancestral modo de vida a pesar de que hoxe o mar Báltico está case baleiro. O terceiro filme da sesión foi La marcha del liquen, de Tania Ximena (México/Colombia, 2024), que narra a historia do desxeo glaciar antártico, o seu encontro co mar e o avance do lique e do musgo.

O segundo bloque comezou coa proxección de As entrañas saben o que a razón non entende, de Alberto Lobelle (España, Galicia, 2025), unha obra que tenta ser unha celebración do que xorde cando confiamos na nosa intuición e nas experiencias que o mundo nos ofrece. Lobelle estivo presente para introducir o filme e participar no coloquio posterior co público. Pola súa banda, The Grace, de Moira Fett e Natalie Berger (Estados Unidos, 2024), segue a unha pescadora que capitanea soa a súa embarcación nas augas turbulentas e místicas do sueste de Alasca, loitando por chegar a fin de mes e manter un modo de vida profundamente enraizado no mundo natural. Deseguido, proxectouse Mientras tanto estoy acá, de Gastón Calivari (Arxentina, 2024), unha obra que retrata a vida de Norma, unha pescadora que vive nas illas de Entre Ríos, cuxo verdadeiro desexo é ser actriz. Pechouse este segundo bloque coa proxección de Six Knots, de Ali Vanderkruyk (Canadá, 2024), un filme que plasma a simboloxía de misterio, fascinación e explotación da balea, representando a distancia entre o ser humano e os animais.

A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Rianxo. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...