O Concello de Lousame traballa nun museo que acolla a obra dos seus dous fillos adoptivos: José Luís Veiras Manteiga e Alfonso Costa Beiro

20 Decembro 2025

“Hoxe podo anunciar que dende o Concello de Lousame estamos traballando e poñendo as primeiras pedras para conseguir un museo que recolla as obras de Veiras Manteiga e de Alfonso Costa, para que teñan o espazo que merecen e poidan ser desfrutadas por todos os veciños e veciñas”. Son palabras do alcalde de Lousame, Esteban Ares García, durante o acto de inauguración da exposición Obra recente: Contrastes + vieiros, do artista José Luís Veiras Manteiga.

Esta mostra, que poderá visitarse na sala municipal de exposicións da Casa da Cultura de Lousame ata o vindeiro 28 de febreiro, é a primeira que Veiras Manteiga realiza no municipio despois de ser nomeado fillo adoptivo o pasado mes de agosto.

Esteban Ares destacou que esta exposición “é unha mostra do compromiso de Lousame coa cultura” e amosou o seu agradecemento ao artista por “seguir confiando en nós para expoñer a súa obra. Lousame sempre será a túa casa e agora temos o deber moral de converter a Lousame no fogar da túa arte”.

Pola súa banda, Veiras Manteiga agradeceu o compromiso feito público polo alcalde lousamiá, asegurando que tanto el coma Alfonso Costa estarán “sempre dispostos a axudar”.

“Estou e estarei sempre dispoñible para expoñer en Lousame, tanto de xeito individual como en grupo”, quen aproveitou para “agradecer tamén o nomeamento de fillo adoptivo porque vivín en tantos sitios que nunca pensei que chegaría ser fillo adoptivo de ningures… Nin de Noia, nin de Abegondo, nin das Pontes…”.

Obra recente: Contrastes + vieiros

Sobre o que van atopar os veciños e veciñas que se acheguen a contemplar a mostra Obra recente: Contrastes + vieiros, Veiras explicou que “é unha exposición da miña obra recente, que xa se expuxo en Ribeira e en Francia pero non na comarca, ao que engadín os últimos cadros que fixen para cambiar un pouco. Son os vieiros, que xa se expuxeran aquí mesmo pero en papel”.

Nesta exposición, o artista residente en Camboño ofrece unha selección da súa obra máis recente nas que amosa unha temática inspirada en paisaxes, moitas delas con diferentes perspectivas, diferentes cores… De aí os diferentes contrastes que lle dan título á mostra.

“Esta exposición logra unir a figuración, a abstracción, o lirismo, a forza da cor e a síntese. A abstracción lírica de Veiras Manteiga na destaca sobre todo a forza da cor, ao que hai que sumar a proximidade do material, inzando a obra dun aire moi poético”, segundo explicou o director do Museo de Artes do Gravado de Ribeira, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría.

Obra recente: Contrastes + vieiros consta dun total de 34 acrílicos sobre lenzos, algúns dos cales xa formaron parte doutras exposicións realizadas en Francia e no Museo das Artes do Gravado de Ribeira, mentres que media ducia conforman unha nova serie que non fora presentada con anterioridade. Poderá visitarse na sala de exposicións municipal da Casa da Cultura de Lousame ata o 28 de febreiro.

Ao acto de inauguración acudiron unha trintena de persoas, algo que agradeceu o artista dado o forte temporal que sufriu Lousame durante esta mañá. Entre as persoas presentes estaban a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo; o concelleiro de Seguridade Viaria, José Antonio Ces; e a concelleira de Cultura de Noia, Chelo Martínez, ademais de artistas, compañeiros e veciños de José Luís Veiras.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.