Este sábado proseguiron en Rianxo as proxeccións e os debates de Mares da Fin do Mundo

14 Decembro 2025

A mañá da cuarta xornada (a do sábado 13) da VIII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo comezou ás 11:00 h co segundo bloque da Sección Galega na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo. Abriu o bloque Chelito, de Carlos Prado Pampín (Galicia, 2025), un filme que narra a vida de Chelito, unha das praceiras máis famosas e veteranas da Coruña, que tras quedar embarazada sendo adolescente non tivo máis remedio que seguir os pasos de súa nai coma peixeira.

Deseguido, foi a quenda de Testemuñas dunha illa, de Borja Duarte Quintáns, Elian Mercedes Antigua e Guillermo Artero García (Galicia, 2025), que pon o foco na construción da ponte da Illa de Arousa no ano 1985, unha obra que mudou para sempre o modo de vida dos habitantes da illa.

Pechou o bloque A tarea, de Alfonso O ́Donnell (Galicia, 2024), que documenta a loita dun grupo de mariscadoras a pé para manter un traballo duro cuxa tradición se extingue por diversos motivos. Durante a sesión, contouse coa presenza dos cineastas Carlos Prado Pampín, Borja Duarte Quintáns, Elian Mercedes Antigua e Guillermo Artero García, quen ao remate da mesma intercambiaron pareceres cos asistentes.

A continuación, ás 13:00 h na mesma Sala Arcos Moldes proxectáronse os últimos 4 títulos da Competición Oficial. O primeiro filme foi Pêche, de Luzie Kurth (Bélxica, 2024), un retrato poético que revela unha práctica en perigo de extinción, a pesca de cangrexos con cabalo na costa belga. A continuación, presentouse Lost Songs of Sundari, de Sudarshan Sawant (India, 2025), un filme que nos traslada a Bombai para poñer o foco na ameaza que o crecemento da cidade supón para o pobo Koli e o seu modo de vida tradicional. O festival continuou coa proxección de Deriva, de Yurian Quintanas e Salvi Danés (España, 2025), un filme que constrúe unha fábula sobre a transformación do territorio e a perda dun legado. Pechou a Competición Oficial o filme Just Sea, de Franziska von Stenglin (Malta/Alemaña, 2024), que pon o foco nas reflexións de Salvo, un pescador da illa mediterránea de Gozo, sobre os drásticos cambios que presenciou ao longo da súa vida.

Xa pola tarde, o histórico Pazo do Martelo acolleu o espazo de debate Mares de Madeira, coa celebración de dúas mesas redondas que abordaron temáticas vinculadas á nosa tradición mariñeira. Ás 17:00 h celebrouse a primeira baixo o título Mares de madeira: Carpintaría de ribeira, que xirou en torno ao valor histórico e patrimonial desta profesión, e na que tamén se reflexionou sobre o seu futuro. Moderada por Marcos Gallego (director de MDFDM), contou coa presenza de Lino Lema (Museo do Pobo Galego), Ramón Collazo (presidente de AGALCARI) e Francisco Xosé Fernández “Chisco” (escritor). Ás 19:00 h, e como peche do día, tivo lugar a mesa Mares de madeira: Navegación Tradicional, na que se analizou a dimensión histórica e os retos de futuro da navegación tradicional nas costas de Galicia. Estivo tamén moderada por Marcos Gallego (director de MDFDM) e nela participaron Olalla Figueira (concelleira do Mar de Rianxo), Pepe Sacau (presidente de Culturmar), e Alberto Martínez e Teresa Couto (Asociación Cultural Balandro Joaquín Vieta).

A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Rianxo. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...