O Centro Recreativo de Artes foi o escenario este venres dunha xornada cargada de emoción, creatividade e talento. O grupo Elas, pertencente á área de Artes Escénicas da Asociación Ambar, presentou a súa Mostra Aberta, unha cita na que o público puido achegarse de primeira man ao proceso creativo e ao intenso traballo desenvolvido polas súas integrantes ao longo dos últimos meses.

O proxecto, dirixido por Julia Sueiro e realizado coa colaboración de COGAMI, encheu o espazo de expresión artística e compromiso social, convertendo a mostra nun exemplo de inclusión e participación. A iniciativa serviu para visibilizar o labor das integrantes do grupo e para reivindicar a arte como unha poderosa ferramenta de transformación social.
A Mostra Aberta non foi só unha exhibición escénica, senón tamén un espazo de apoderamento para as mulleres con diversidade funcional que forman parte do grupo, no que a creatividade se converteu en vehículo de confianza, identidade e reivindicación.

Desde a Asociación Ambar quixeron salientar a importancia de tecer redes e contar coa implicación da comunidade para facer realidade este tipo de proxectos. Nese senso, agradeceron a asistencia do público, cuxa participación resultou fundamental para o desenvolvemento da iniciativa, así como a colaboración do Centro Recreativo e Cultural de Artes por ceder as súas instalacións e implicarse activamente na promoción dunha cultura accesible e inclusiva.
O éxito de asistencia e a calorosa acollida reflectida nos aplausos confirman a necesidade de seguir apostando por espazos nos que a diversidade non só estea presente, senón que sexa celebrada.




