Dodro atópase novamente entre os concellos da contorna do Barbanza que se suman ao bus do teatro do Centro Dramático Galego (a través dun programa que o CDG elabora cos concellos para permitir que a xente de fóra de Santiago asista ás súas funcións no Salón Teatro de Compostela). En virtude da iniciativa Sobes ao bus do teatro? a veciñanza de Dodro terá ao seu dispor un autobús o día 9 de xaneiro para desfrutar da obra Memorias dun neno labrego con texto e dirección de Cándido Pazó, inspirada no libro de Xosé Neira Vilas.
A saída será ás 15:50 dende a praza do Concello, a hora da función é as seis da tarde e tras ela o regreso está fixado para as 20.15 horas.
O prezo da entrada son 5 euros e as inscricións poden facerse ata o 7 de xaneiro no 981 802 472 na Casa da Cultura.
Memorias dun neno labrego é un espectáculo baseado na obra emblemática de Xosé Neira Vilas. Dirixido por Cándido Pazó, Memorias dun neno labrego recupera a figura de Balbino, un personaxe clave da literatura galega contemporánea, para levar á escena unha serie de lembranzas que forman parte da memoria colectiva dunha Galicia rural marcada polo traballo, os silencios, as inxustizas sociais e os soños truncados.
A montaxe, producida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións, conta cun elenco formado por Xúlio Abonjo, Santi Romay, Manuel Cortés, Federico Pérez Rey, Iris Darriba, Mónica García e Ana Santos, e combina emoción, humor e unha relación directa co público para achegar esta historia a novas xeracións.




