
A parroquia ribeirense de Aguiño inaugurou na tarde do 12 de decembro o seu belén municipal, unha cita xa consolidada no calendario local do Nadal. A montaxe conta con arredor de cen figuras, das cales 75 están mecanizadas, e incorpora este ano tres novas escenas: unha muller escorrentando un rato, un oleiro e un carniceiro.
A apertura reuniu numeroso público no adro da igrexa parroquial, onde se realizou a tradicional bendición do nacemento. Durante o acto, a alcaldesa, María Sampedro, destacou que iniciativas coma esta permiten “descentralizar a actividade de Nadal da cidade para levala ás parroquias”. Subliñou tamén que a instalación do belén en Aguiño “xa se converteu en tradición ao longo destes últimos anos” e expresou o seu agradecemento a Miguel Abraldes, cedente das pezas, así como ao equipo de carpintería da Unidade de Condutas Aditivas (UCA), representado polo carpinteiro Manolo Casais, encargado da montaxe.
A xornada estivo amenizada pola Charanga Fanfarria Furruxa, que puxo banda sonora ao encontro veciñal, e completouse con chocolate con churros para todos os asistentes.




