
O espírito do Nadal chega un ano máis a Rianxo da man da Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), que pon en marcha a súa tradicional Campaña de Nadal 2025, unha iniciativa pensada para dinamizar o comercio local, premiar a fidelidade da clientela e encher as rúas de ilusión nestas datas tan especiais.
Durante toda a campaña, que se desenvolverá entre o 15 de decembro de 2025 e o 5 de xaneiro de 2026, todas as persoas que merquen nos comercios asociados poderán participar nos sorteos semanais de vales de compra de ata 100 €. “Cada tícket rexistrado supón unha nova oportunidade de gañar, polo que comprar no comercio de proximidade nunca foi tan ilusionante”, explicaron dende a asociación, engadindo que para facilitar a participación, a ARE habilitará varios puntos informativos e de rexistro de tíckets nos diferentes núcleos do concello, xunto con actividades que farán as delicias dos máis pequenos:
-Elfos de Papá Noel visitando os establecementos os días 22 e 23 de decembro.
-Visita de Papá Noel e posto de chocolate o 24 de decembro.
-Paxes Reais repartindo lambonadas e acompañando os postos de rexistro os días 2, 3 e 4 de xaneiro.
“Estas accións buscan non só facilitar o rexistro, senón tamén crear ambiente festivo, impulsar as compras locais e reforzar a conexión entre o comercio e a veciñanza”, sinalaron dende ARE.
Os premios —vales de 100 € e 50 €— deberán recollerse antes do 15 de xaneiro de 2026 e poderán utilizarse nos negocios asociados ata o 28 de febreiro de 2025.



