UCIN Boiro emitiu un comunicado no que alerta sobre o “estado crítico da pasarela do Río Breiro”, unha infraestrutura que en palabras da agrupación “foi sometida a un prolongado abandono que derivou nun serio perigo para quen a utiliza diariamente”. A agrupación denuncia que “se trata dunha pasarela esvaradía que resulta un perigo para as persoas usuarias”.
“A recente caída dunha veciña, provocada directamente polo mal estado da superficie, é só a consecuencia máis visíbel dunha desidia que vén de lonxe”, sinalou o voceiro local de UCIN, Miguel Piqueras, quen con outros integrantes do grupo visitou estes días a infraestrutura, criticando que se trata “dunha pasarela deteriorada, sen mantemento, con materiais envellecidos, puntos claramente inseguros e un risco continuo para quen a transita”.
UCIN Boiro esixe a posta en marcha dun “plan de mantemento exhaustivo para todos os paseos do municipio construídos con este tipo de materiais, co obxectivo de evitar novas situacións de risco e garantir a durabilidade e seguridade das infraestruturas”.




