Sanidade di que o compromiso da Xunta coa atención sanitaria do Barbanza “queda plasmado nos Orzamentos”

05 Novembro 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, compareceu este 5 de novembro no Parlamento para responder a unha pregunta sobre as carencias sanitarias e médicas do Barbanza. Segundo dixo, “o compromiso da Xunta coa mellora da atención sanitaria da veciñanza da Pobra e de toda a comarca do Barbanza queda reflectido nos Orzamentos da Consellería de Sanidade para o vindeiro ano, nos que o Executivo galego reserva un investimento de 460.000 euros para a dotación dunha nova ambulancia medicalizada, que estará funcionando no primeiro trimestre de 2026”.

Engadiu que esa nova ambulancia dará cobertura aos concellos de Rianxo, Boiro, Ribeira, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal.

Gómez Caamaño detallou que “no Centro de Saúde da Pobra do Caramiñal actualmente están cubertas cinco prazas de médico de familia de forma efectiva e a cota da sexta praza é asumida polo resto de facultativos”. Acusou tamén ao Executivo central de ser responsábel do problema e dixo “que non existen médicos de familia nas listas de contratación, posto que o Goberno Central permanece impasíbel ante o déficit de facultativos de atención primaria”.

Tamén lembrou que o Servizo Galego de Saúde conseguiu contratar a dous médicos de familia que comezaron o pasado luns a cubrir unha vacante e unhas vacacións na Pobra do Caramiñal.

Con cinco facultativos dispoñíbeis, Gómez Caamaño explicou que “corresponde unha media de 1.550 cidadáns por cada médico, o que sitúa as cotas dentro das referencias establecidas polo Ministerio de Sanidade e das sociedades científicas como axeitadas”.

Respecto da pediatría, o conselleiro referiu “que non hai demora, atendéndose no propio día”.

O titular da carteira sanitaria explicou que os recursos asistencias “están ordenados e distribuídos de tal xeito que se garanta a mellor cobertura a toda a poboación e tratando de non sobrecargar innecesariamente aos profesionais”.

Así, apuntou, “cando un veciño da Pobra do Caramiñal ten unha urxencia pode acudir directamente ao médico de familia no horario da súa cota, e se a urxencia se dá fora do horario do seu médico, debe acudir ao PAC de Ribeira, aberto desde as tres da tarde; ademais, se a urxencia é pola noite, a partir das 10 e ata as 8 da mañá, ou en sábado, domingo ou festivo, o paciente debe acudir ao PAC da Pobra do Caramiñal”.

O conselleiro incidiu en que “este é o horario que sempre tivo establecido para o PAC da Pobra, de luns a venres de 10 da noite a 8 da mañá; e sábados, domingos e festivos, dispoñíbel 24 horas”.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro dixo que “o compromiso da Xunta coa mellora da sanidade nesta comarca queda plasmado tamén na recente adxudicación dunha nova sala de raios robotizada para o Hospital do Barbanza, coa que se mellorará a precisión diagnóstica”.

A esta sala hai que engadir un sistema de radioloxía portátil que comezará a funcionar no mes de decembro, ademais da compra dun mamógrafo para o que están reservados nos presupostos 326.000 euros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...