Este domingo 30 de novembro o Concello e a veciñanza de Rianxo van render homenaxe a dous seus artistas preferidos: Xosé Romero e Maruxa dos Rosales, os integrantes de Os Rosales. A homenaxe desenvolverase ao longo de toda a xornada en diferentes actividades, comezando arredor das 11.00 cun acto institucional e público de nomeamento de Fillos Predilectos de Rianxo a don Xosé Romero e dona Eclíptica Orbita “Maruxa dos Rosales”, coa intervención de autoridades e familiares. Será na Casa Consistorial. Máis tarde, sobre as 13.00 horas, celebrarase unha sesión vermú a cargo de Carapaus, na carpa habilitada a carón do Auditorio Municipal. Ás 14.00 horas está previsto un xantar popular na carpa do Auditorio e logo da comida, ás 17.00 horas, celebrarase outro acto de celebración con intervencións de amigos, familiares e dos grupos Amaiante, Río de Anxo e Silvaredonda.
O acto pecharase interpretando A Camposa. Convídase a participar co instrumento propio (gaita en Do).
Os Rosales é un mítico e histórico dúo-grupo de folk galego creado na parroquia de Asados, en Rianxo, na década dos 1950. Está formado por Xosé Romero (gaita) e Maruxa (voz e bombo).




