Logo da grande acollida a pasada fin de semana, Os Bolechas continúan a súa andaina musical coa Muller orquestra. Bombos, frauta, clarinete, saxofón… estes son só algúns dos instrumentos musicais que soarán no espectáculo teatral que continúa mañá con actuacións nos concellos de Valga; o sábado en Miño e Cariño; e o domingo en Valdoviño.

Neste teatro de monicreques, Pili Bolechas decide converterse nunha “muller orquestra” e construír un escenario musical cos seus instrumentos para ofrecer un gran concerto no que participará toda a familia. A medida que as melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta soan, as nenas e os nenos aprenderán os diferentes estilos musicais e divertiranse coa familia e as súas propias cancións. O obxectivo deste espectáculo é experimentar cos instrumentos e crear novos ritmos entre a cativada, ao mesmo tempo que fomentan o uso do idioma.

Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia que pretende promocionar o uso do galego e ampliar a oferta de ocio no noso idioma. O espectáculo teatral está orientado a un público cativo de entre 4 a 9 anos e tamén ás súas familias co fin de motivar o coñecemento do galego, ao mesmo tempo que se reforza a música como un elemento de conexión entre as persoas.
Calendario da xira
Cun total de 21 actuacións, o teatro dos Bolechas percorre diferentes puntos da xeografía galega para espallar a súa diversión e fomentar o uso do idioma.
A seguinte parada terá lugar mañá en Valga, ás 19h, na Casa da Cultura. Na fin de semana chegan á provincia da Coruña con actuacións en Miño e Cariño, o sábado; mentres que o domingo estarán en Valdoviño a partir do mediodía.
VALGA. Venres, 28 de novembro. 19 horas. Auditorio Municipal.
MIÑO. Sábado, 29 de novembro. 12 horas. Centro Social da Rúa.
CARIÑO. Sábado, 29 de novembro. 18 horas. Casa da Cultura.
VALDOVIÑO. Domingo, 30 de novembro. 12.30 horas. Local da Asociación de Veciños de Meirás.
A TEIXEIRA. Venres, 5 de decembro. 18 horas. A Teixeira núcleo.
FISTERRA. Sábado, 6 de decembro. 17 horas. Mercado Cultural.
FORCAREI. Domingo, 7 de decembro. 17.30 horas. Salón de actos da Casa do Concello.
A CORUÑA. Martes, 9 de decembro. 17 horas. Auditorio do Centro Ágora.
VAL DO DUBRA. Venres, 12 de decembro. 18 horas. Auditorio Municipal.
BEGONTE. Domingo, 14 de decembro. 17 horas. Centro Sociocultural José Domínguez Guizán.
RAMIRÁS. Venres, 19 de decembro. 12 horas. Salón de actos do Centro Sociocultural do Picouto.





