O Proxecto EnClave de educación integral e saúde do Concello de Boiro vén de gañar un premio no IX Concurso de Boas Prácticas Municipais na prevención e intervención fronte ao absentismo e na mellora da convivencia escolar convocado pola Federación Española de Municipios e Provincias e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

En particular o proxecto foi presentado na categoría de Mellora da Convivencia Escolar en Municipios de ata 20.000 habitantes, no que tamén foi galardoada a iniciativa Playground no municipio sevillano de La Algaba.
O Proxecto EnClave do Concello de Boiro é un programa pioneiro e innovador que naceu no curso 2021/2022 para educar, previr o acoso escolar e promover o benestar emocional e a saúde mental do estudantado da localidade. Trátase dun programa vivo que se vai adaptando cada curso escolar en función das necesidades detectadas polo persoal docente e a comunidade educativa.
O obxectivo xeral que persegue este programa é “promover unha cultura de convivencia positiva, inclusiva e corresponsábel na contorna escolar mediante unha estratexia transversal e innovadora que integra os ámbitos educativo, social e da igualdade co fin de previr a violencia, fomentar a equidade e fortalecer os vínculos comunitarios”.
O proxecto, integral e preventivo, combina atención psicolóxica, promoción da saúde, detección temperá de dificultades da aprendizaxe e mellora da convivencia. Inclúe atención psicolóxica individualizada e acompañamento emocional no contexto escolar; actividades de promoción da saúde reforzando a prevención de hábitos saudábeis e autocoidados como a hixiene bucodental, a saúde visual e a educación afectivo-sexual; e detección temperá de dificultades de aprendizaxe como a dislexia e TDAH.
O proxecto desenvolvese durante todo o curso escolar, coordinado polas áreas de Educación e Igualdade do Concello de Boiro, e está financiado integramente polo Concello de Boiro.
O acto de entrega dos premios do IX Concurso de Boas Prácticas Municipais na prevención e intervención fronte ao absentismo e na mellora da convivencia escolar convocado pola Federación Española de Municipios e Provincias e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes será o vindeiro día 10 de decembro en Madrid.



